A primeira quenda dos Campus Científicos de Verán dálle relevo o luns a un novo grupo
Logo de pasar toda unha semana no Campus de Santiago, a primeira quenda dos Campus Científicos de Verán dálle o relevo a un novo grupo de estudantes de bacharelato que chegan este luns 9 para traballar nos distintos proxectos de ciencia que a Universidade lles propón e que eles mesmos elixiron.
O grupo que remata a súa estadía, procedente de diversos lugares de España, presentou esta mañá os seus traballos de investigación na Facultade de Matemáticas. Concretamente, estes futuros científicos e científicas participaron nos proxectos ‘¿Como eliminar a contaminación da auga?¿Atrévete a investigar e innovar!’, ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: LHC’, ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’, dirixidos respectivamente por Gumersindo Feijoo Costa, Xabier Cid Vidal, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.
Estes días tiveron ademais a oportunidade de visitar Fisterra, o Patrimonio Histórico da USC e o Museo de Historia Natural, e de asistir a unha conferencia impartida polo profesor Ángel Carracedo e realizaron unha excursión A Fisterra.
A segunda quenda de estudantes será recibida o luns 9 ás 10.00 horas no Salón de Actos da Residencia Colexio Maior Fonseca polo coordinador dos Campus Científicos na USC, Luis Hervella.
O proxecto Dirixidos a estudantes de 1º de Bacharaleto e 4º de ESO de toda España, os Campus Científicos buscan espertar vocacións científicas para así fomentar a investigación de excelencia e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica. No programa, que se prolongará durante todo o mes de xullo, participan 13 universidades con Campus de Excelencia Internacional que foron seleccionadas polo Ministerio de Educación conforme á valoración dos proxectos científicos presentados.
A iniciativa está organizada polos Ministerios de Educación e Formación Profesional e de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).