Skip to main content

Veterinaria prepara a renovación da acreditación europea este ano con melloras no hospital Rof Codina por un millón de euros

Autoridades académicas e políticas, na inauguración das reformas realizadas no hospital veterinario Rof Codina
Autoridades académicas e políticas, na inauguración das reformas realizadas no hospital veterinario Rof Codina
Antonio López salienta que o esforzo do padroado da Fundación Rof Codina permitirá cumprir o “obxectivo prioritario” de manter o centro lugués como referencia en Europa

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC perfila a renovación da acreditación europea por parte da Eaeve coa mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos do hospital clínico veterinario Rof Codina, unha actuación promovida e financiada polo padroado da Fundación Rof Codina, no que participan xunto coa USC, A Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, e que implicou unha inversión de máis dun millón de euros.

As achegas económicas realizadas polos patronos da Fundación Rof Codina para acometer estas melloras no hospital universitario constitúen unha axuda esencial para que a USC poida cumprir o seu “obxectivo prioritario” de que a Facultade de Veterinaria de Lugo renove a acreditación europea expedida pola Eaeve e continúa a ser un dos centros universitarios de referencia en España e en Europa, sinalou o reitor da USC, Antonio López, na inauguración das obras de remodelación do centro hospitalario, un acto no que participaron este luns en Lugo o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, a tenente de alcalde do Concello de Lugo, Ana Prieto, e o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro tamén participaron nesta sesión inaugural, un acto que congregou unha nutrida representación de responsables políticos, docentes e directores e decanos de centros universitarios do campus de Lugo, así como profesionais e investigadores en formación no hospital universitario Rof Codina.

As reformas desenvolvidas con esta actuación no hospital Rof Codina permíntenos estar en condicións de recibir o próximo mes de setembro a comisión europea encargada de avaliar os parámetros da docencia e dos servizos asistenciais, así como da investigación desenlvolvida neste hospital vinculado á Facultade de Veterinaria da USC, sinalou De la Cruz Palomino. O director xerente da Fundación Rof Codina explicou asemade que os traballos realizados afectaron sobre todo á optimización de espazos e de infraestruturas básicas, cuestións que tamén redundarán nunha mellora da calidade dos servizos que ofrecemos á sociedade e tamén na calidade da formación que recibe o noso alumnado.

O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aproveitou este acto inaugural para salientar que a sede universitaria luguesa concentra un triángulo virtuoso de Galicia no que ao eido veterinario se refire. “A Facultade de Veterinaria de Lugo é o centro universitario de Galicia que capta máis alumnado procedente de fóra da comunidade”, sentenciou o conselleiro, para logo engadir que o Centro en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), cuxas instalación situadas a carón do hospital Rof Codina veñen de inaugurarse hai uns meses, agroma un potencial de I+d+I igual ou superior a outros centros de investigación de referencia en Europa, mentres que este hospital veterinaria ofrece uns servizos e máxima calidade asistencial á cidadanía, ao tempo que contribúe de á mellorar a formación e as capacidades dos futuros profesionais.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde sinalou que con este conxunto de melloras estamos convencidos o Hospital Veterinario Rof Codina seguirá a a ser un centro de referencia a nivel europeo e permitirá que a Facultade de Veterinaria de Lugo poida manter o seu distintivo internacional. “Dende a Deputación de Lugo apostamos pola promoción da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico mediante a mellora de infraestruturas en apoio ao campus de Lugo, como un medio para conseguir desenvolvemento social e económico da provincia”, dixo.

The contents of this page were updated on 07.09.2018.