Skip to main content

Unha xornada aberta ao público debaterá o impacto e o límite da intelixencia artificial

Cartel do encontro do vindeiro martes 10
Cartel do encontro do vindeiro martes 10
Entre outros, participará Enric Trillas, presidente honorífico do European Centre for Soft Computing

Na xornada de divulgación aberta ao público ‘ O futuro da Intelixencia Artificial, a debate’, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) abordará os límites, desafíos e complexidades que expón o crecente protagonismo da intelixencia artificial no tecido socioeconómico, para fomentar a reflexión e o debate entre os participantes. Na actualidade, saúde, automoción, finanzas, emprego, publicidade, industria, Internet son só algúns dos eidos onde a Intelixencia Artificial (IA) presenta xa numerosas aplicacións na vida diaria, aínda que co rápido desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía a súa implantación os expertos auguran que será moito maior nos vindeiros anos.

A capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos. Os seus evidentes beneficios son incuestionables: coches autónomos, cirurxías robóticas ou dispositivos que recoñecen e interpretan voces e imaxes teñen demostrado xa a súa utilidade. Con todo, outras visións menos optimistas temen que a Intelixencia Artificial, capaz de “pensar” e aprender por si mesma, acabe por substituír o labor do ser humano e escape ao seu control, en lugar de converterse nunha ferramenta de colaboración que aumente as súas capacidades.

Neste encontro da USC coincidirán especialistas de universidades, empresas e outras institucións para discutir sobre o impacto e os límites da Intelixencia Artificial. Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será gratuíta, con capacidade limitada.

Área estratéxica para a UE
A proliferación das técnicas de IA é tal que o desenvolvemento desta área xa entrou na axenda política das altas institucións comunitarias. Recentemente , a Unión Europea incluía no seu novo Programa Marco de investigación e Innovación para o período 2021-2027, ‘Horizon Europe’ un programa complementario centrado nas TIC, o ‘Dixital Europe Programme’, onde a Intelixencia Artificial ocupará unha das cinco áreas destacadas ao ser considerada como unha das tecnoloxías máis prometedoras para facer fronte aos desafíos sociais e contribuír ao crecemento económico nos próximos anos.

The contents of this page were updated on 07.06.2018.