Skip to main content

O Campus Terra forma alumnado, persoal investigador e empresas con cursos sobre QGIS, Mathcad e drons

Vista do edificio Cactus do Campus de Lugo da USC
Vista do edificio Cactus do Campus de Lugo da USC
A USC mantén aberta en liña a inscrición para os seminarios ofertados en setembro pola EPS de Enxeñaría e a Facultade de Ciencias, así como para as conferencias e obradoiros incluídos ata final de ano no programa formativo do Campus Terra da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e a Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC ofertan para a segunda quincena do mes de setembro catro módulos formtivos sobre sistemas aéreos non tripulados, QGIS e Mathcad, dirixidos á participación de alumnado, personal docente e investigador, así como a técnicos de empresas e demais axentes do sector produtivo. A participación nestas actividades, que están incluídas no programa de formación complementaria do Campus Terra da USC para este ano, é libre e de balde para todo o público interesado, que pode xa formalizar a súa inscrición en liña

O programa de formación do Campus Terra responde a unha iniciativa artellada ao abeiro do convenio asinado pola USC coa Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, a través da que o campus de especialización con sede na capital luguesa ofrece aos membros dos distintos colectivos que conforman a comunidade universitaria, así como a empresas e a axentes produtivos, a oportunidade de participar nun total de 23 seminarios, obradoiros e conferencias  sobre temática diversa.

Daquela, alén destas propostas formativas máis inmediatas, o programa de formación do Campus Terra contempla un amplo ronsel de actividades, estruturadas en cursos, seminarios ou mesmo obradoiros, un abano de propostas que inclúen módulos para coñecer as oportunidades de innovación e colaboración escolar que ofrece o programa europeo eTwinning, ou as prestacións da metodoloxía BIM para a docencia universitaria.

A introdución ao uso de Microsoft Sharepoint (One Drive) e contidos multimedia, o uso e a xestión de Microsoft Teams para docencia e administración, o uso das TIC nos procesos de avaliación e control de plaxio, a introdución ao manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados, ao programa matemático MATHCAD, así como cursos de aprendizaxe ou perfeccionamento do manexo da aplicación de control de accesos DORLET e doutros programas, tales como Microsoft Power-BI, follas de cálculo, ou mesmo de aplicacións orientadas ao emprego da realidade virtual na docencia, centran algúns dos módulos ofertados no programa de formación do Campus Terra.

A proposta de formación complementaria deseñada desde o Campus Terra da USC abrangue asemade obradoiros sobre hábitos e técnicas de estudo, xestión de estrés ou de elaboración de queixos. Outras das temáticas abordadas no marco deste programa de formación complementaria atinxen a metodoloxías activas para o ensino innovador, ao uso racional de enerxías alternativas, ou ao uso, administración e xestión dos parques naturais. O relatorio ‘Seguiremos ensinando na sociedade da intelixencia artificial?’, a cargo de Senén Barro, amplía tamén a outro novo ámbito as propostas de formación complementaria artelladas desde o Campus Terra da USC para os vindeiros meses.

The contents of this page were updated on 07.13.2023.