Skip to main content

Inauguración dos Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros

Imaxe de arquivo dos cursos de lingua e cultura españolas
Imaxe de arquivo dos cursos de lingua e cultura españolas

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle este martes 10 ás 19.00 horas a inauguración oficial dos Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da USC. Presidirá o acto o reitor Antonio López, xunto a quen tamén estarán presentes o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez; o concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios Diz; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; e a directora-xerenta de Cursos Internacionais, Pilar Taboada-de-Zúñiga Romero.

Na sesión, o profesor da Universidade da Sorbona Nouvelle-Paris Pierre Civil pronunciará a conferencia ‘O hispanismo internacional: vixencia e perspectivas’. No acto estarán presentes estudantes, profesorado e coordinadores estranxeiros que participan nesta edición do cursos de lingua e cultura procedentes de universidades e centros educativos e culturais de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Corea do Sur, Taiwán, Arabia Saudí, Xapón ou Brasil. Ademais, ao longo do verán está prevista a incorporación de novos estudantes de India, Tailandia, Reino Unido, Alemaña , China ou Líbano, entre outros paises.

A través de Cursos Internacionais achéganse cada verán á USC estudantes das máis diversas procedencias: Alemaña, Francia, Portugal, Italia, Noruega, Reino Unido, Suecia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Vietnam, India, Líbano, Bangladesh, Arabia Saudí, China, Hong Kong, Corea do Sur, Xapón, Tailandia e Taiwán.

Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden 20 horas semanais de clases de lingua e cultura. Estas clases compleméntanse cun amplo programa de actividades culturais: visitas guiadas á cidade e ao Patrimonio da USC, museos, obradoiros de gastronomía, excursións, baile e música. Algúns dos itinerarios que abranguen tanto no interior como na costa da comunidade galega discorren por A Coruña e Rías Altas, Parque Nacional das Illas Atlánticas, Ría de Arousa, Lugo e o Camiño de Santiago, Pontevedra e Rías Baixas ou a Ruta das Camelias.

Moitos destes estudantes elixen durante a súa estadía en Compostela aloxarse con familias da cidade, o que lles permite vivir unha experiencia integral e coñecer outros estilos de vida. Neste senso, Pilar Taboada-de-Zúñiga Cómpre subliña a importancia que O Camiño de Santiago acada ano tras ano nestes cursos xa que a temática xacobea é obxecto de estudo non só nos seminarios de cultura, senón que tamén está presente nas actividades culturais e excursións.

Español, Ciencias da Saúde e negocios
Por outra banda, Cursos Internacionais da USC celebra este ano a terceira edición do Curso español e Ciencias da Saúde en colaboración co Máster de Saúde Pública da USC, o SERGAS e o Hospital Clínico Universitario. Os estudantes internacionais asisten a clases de español médico e a seminarios específicos sobre o sistema sanitario español e tamén realizan prácticas clínicas tuteladas no CHUS.

Este verán tamén se porá en marcha a primeira edición del Curso de español dos negocios, no que participan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, a través do Departamento de Organización de Empresas, así como varias empresas da cidade que acollerán a un nutrido grupo de estudantes en prácticas.

The contents of this page were updated on 07.09.2018.