O catedrático Lourenzo Fernández Prieto acaba de ser elixido presidente da Sociedade de Estudos Historia Agraria
O catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, acaba de ser elixido presidente da Sociedade de Estudos de Historia Agraria (SEHA), asociación científica euro-americana que ten como fins fomentar a investigación, o intercambio académico, a ensinanza e a divulgación do coñecemento referentes á historia agraria, á economía e ás sociedade rurais dende unha perspectiva multidisciplinar. A SEHA conta con socios de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Colombia, Costa Rica ou México. Ata o momento ocupaba a vicepresidencia da asociación, tomando o relevo de Manuel González de Molina, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade Pablo de Olavide (Sevilla).
Lourenzo Fernández é ademais director do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), coordinador do Grupo Histagra e académico da RAG. O profesor Fernández Prieto investiga dende os seus comezos académicos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e no franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da sociedade rural cun enfoque ambientalista.
Os primeiros traballos de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas, profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.