O LIDSA aproveitará o “arsenal fitoquímico” dos residuos das aciñeiras para paliar patoloxías forestais
O Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) da Facultade de Química da USC investigará as aciñeiras autóctonas da aldea modelo de Moreda, no concello de Folgoso do Courel, como materia prima para a obtención de extractos ricos en compostos bioactivos. En concreto, a finalidade deste estudo céntrase en aplicar estes extractos naturais como terapia antifúnxica en patoloxía forestal e como aditivo alimentario en pensos para gando.
“O proxecto baséase na utilización dun terreo de aciñeiras antigas e de gran valor”, explica a profesora da USC, Marta Lores. “O que pretendemos é obter extractos vexetais a partir de residuos agroforestais e froitos”, matiza. As aciñeiras fabrican defensas naturais contra os inimigos que as ameazan. Estes sistemas defensivos baseados en compostos bioactivos constitúen un auténtico “arsenal fitoquímico” de defensa ao que agora se pretende dar uso como ingredientes funcionais en diversos produtos. Neste senso, os achados do proxecto poderían servir como tratamento antifúnxico para as propias aciñeiras, dentro e fóra de Galicia, así como para outras especies de árbores. De feito, poderían ser chave para paliar a seca das aciñeiras que producen as landras das que se alimenta o porco ibérico en territorios como Estremadura. Ademais, outra das saídas potenciais destes compostos bioactivos atópase no seu uso como aditivo para enriquecer pensos.
Aldea modelo
Unha aldea modelo é un tipo de instrumento de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo poñer en produción, de xeito sustentable, as terras abandonadas de alta capacidade produtiva que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo así á creación de actividade agrogandeira e á redución do risco de incendios.
Moreda foi declarada aldea modelo pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) en 2020 e conta con máis de 38 hectáreas incluíndo un bosque de aciñeiras centenario onde se están criando porcos celtas para recuperar unha área en desuso, reducindo ademais o devandito risco de incendios. Os extractos obteranse en colaboración con i-Grape, spin-off da USC, especializada no reaproveitamento de residuos da industria agroalimentaria e forestal para a obtención de extractos naturais con potencial bioactivo.
Esta investigación enmárcase dentro da tese de doutoramento de Diego González Iglesias, dirixida pola catedrática de Química Analítica Marta Lores, levada a cabo no LIDSA e i-Grape e financiada por Gain dentro do programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia. Recentemente, persoal investigador de LIDSA e i-Grape visitaron a aldea modelo xunto a Lola Castro, alcaldesa de Folgoso de caurel, e Carlos Castro, encargado das instalacións, para reflexionar arredor dos seguintes pasos a dar no seo da investigación.