Skip to main content

A escavación arqueolóxica da necrópole medieval do Combarro achegará luz sobre a Alta Idade Media galega

Lugar no que se levarán a cabo os traballos arqueolóxicos
Lugar no que se levarán a cabo os traballos arqueolóxicos
Á fronte desta investigación atópase José Carlos Sánchez Pardo, pertencente ao grupo SÍNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia, quen subliña que “a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos” desa época no que hoxe é San Vicente de Trigás, en Mondoñedo
Santiago de Compostela

Un equipo da USC acometerá a escavación arqueolóxica da necrópole medieval de San Vicente de Trigás, no lugar do Combarro, pertencente ao Concello de Mondoñedo. A intervención permitirá comprender mellor distintos aspectos das sociedades e da economía na Alta Idade Media a través dun estudo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval. O obxectivo da intervención será delimitar a necrópole, documentar as tipoloxías das tumbas, así como realizar as análises correspondentes sobre os restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.

Á fronte desta investigación atópase o profesor en arqueoloxía medieval na USC, José Carlos Sánchez Pardo, pertencente ao grupo SÍNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia, quen subliña que esta é “unha necrópole singular na que a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos que estaban a ocorrer arredor da Idade Media na zona norte de Galicia”. “A necrópole, escavada parcialmente polo arqueólogo Abel Vigo, ten moito que dicir sobre as dinámicas sociais dos grupos que menos representados están nas fontes escritas”, engade.

Cronograma

Os traballos desenvolveranse entre o 1 e o 14 de agosto en colaboración coa empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos, e co Concello de Mondoñedo. O arqueólogo municipal Abel Vigo, colaborador do proxecto, e o veciño Miguel Chao, dono dos terreos onde se atopa a necrópole e descubridor da mesma, explicaron nunha xuntanza recente ao equipo da USC, que se desprazou ata Mondoñedo, como foi a intervención de urxencia do ano 2013. Durante o transcurso desta reunión elaborouse un plan de estudo que permitirá levar a cabo a escavación que está a piques de iniciarse.

A actuación contará cun grupo de investigadoras e investigadores asociados á arqueoloxía medieval galega. “Nesta fase da investigación realizaranse tres sondaxes ampliables que permitirán delimitar a área de enterramento dos individuos”, comenta a arqueóloga Celtia Rodríguez González, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención. “A delimitación e documentación de todo o conxunto funerario será fundamental para as futuras fases do proxecto que permitirán coñecer dunha maneira interdisciplinaria como eran e como se relacionaban estas persoas que viviron na época medieval no norte do territorio de Galicia”, matiza. 

De igual modo, nesta investigación tamén estará presente Laura Blanco Torrejón, co-directora en campo e doutora en necrópoles altomedievais “A necrópole de Combarro é un bo exemplo para analizar as tumbas delimitadas por laxas que se documentaron en sepulturas vinculadas á Alta Idade Media no territorio”, explica.

O estudo desta necrópole contará co bioarqueólogo galego Patxi Pérez Ramallo, quen xa elaborou un informe preliminar sobre a muller atopada nesta necrópole na escavación de urxencia dirixida por Abel Vigo. “A muller tiña uns 35-45 anos, e presentaba desgaste dental, o cal parece indicar que a súa dieta baseábase sobre todo na inxesta de cereais como o millo”, indica o bioarqueólogo da Universidade do País Vasco. 

O equipo técnico tamén contará con investigadores e arqueólogos asociados á empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos cunha ampla experiencia neste tipo de contextos funerarios. “Esta intervención é unha oportunidade para coñecer o pasado medieval aproveitando a boa conservación dos restos óseos”, comenta Franciso Alonso Toucido, doutor en arqueoloxía medieval e xestor da empresa. 

Esta intervención vincúlase ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.
 

The contents of this page were updated on 07.27.2023.