Skip to main content

O Consello de Goberno da USC aproba os graos en Enxeñaría Robótica e Xestión Cultural para a súa implantación no curso 2019-20

Sesión ordinaria do Consello de Goberno da USC celebrada na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Sesión ordinaria do Consello de Goberno da USC celebrada na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
A sesión do órgano universitario celebrada en Lugo serviu para presentar un código de boas prácticas en investigación e validou a política de seguridade e xestión da información na USC

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago, na sesión celebrada este xoves en Lugo, aprobou os títulos de grao en Enxeñaría Robótica e Xestión Cultural, dúas novas titulacións que, logo dos oportunos trámites, comezará a impartir a USC no curso 2019-20 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na Facultade de Humanidades, segundo indicou o reitor Antonio López nunha rolda de prensa celebrada na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e na que tamén participaron as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Titulacións, María Victoria Otero.

Estruturado en 240 créditos ECTS, repartidos ao longo de catro cursos académicos, o titulo de grao en Enxeñaría Robótica antóllase como unha oportunidade o desenvolvemento da robótica agrícola e agroforestal en Galicia. De feito, esta nova titulación da USC ofrece unha ampla carga de optatividade, un abano no que se inclúe un itinerario específico de 30 créditos ECTS orientado cara a agroRobótica.

A obtención do grao en Enxeñaría Robótica con mención de AgroRobótica esixe cursar un mínimo de 30 créditos ECTS dun bloque específico que ofrece seis materias diferentes: Economía do Sistema Agroalimentario e Forestal, Agricultura intelixente, Robótica na agroindustria, Robótica aplicada ao medio forestal e natural, Plataformas robotizadas de uso agroforestal e Teledetección mediante drons e satélites. A USC propón que a oferta de matrícula deste grao sexa de 50 prazas.

Alén desta orientación agroforestal, os estudos de robótica tenden cara a súa integración co tecido empresarial e industrial da área de influencia do centro no que se oferta esta formación. A esta realidade cómpre engadir que a demanda económica e laboral derivada da automatización e a robótica é constante, aínda que a súa implementación nos procesos produtivos poñen de manifesto a necesidade dunha especialización maior á do enfoque xeral que ofrece unha enxeñaría, a fin de avanzar no eido do I+D+i.

O novo grao en Xestión Cultural da USC é tamén un título singular do Sistema Universitario Galego que ofertará a USC na súa Facultade de Humanidades de Lugo, tamén a partir do curso 2019-20. Esta nova titulación, que ofrecerá 45 prazas de matrícula no primeiro curso, está estruturada en 240 créditos ECTS repartidos ao longo de 4 cursos académicos, que se poden seguir de xeito presencial ou semipresencial.

O obxectivo desta nova titulación é o formar a profesionais para satisfacer a crecente demanda rexistrada en Galicia de persoal cualificado e especializado en xestionar a cultura, elaboración e difusión de proxectos culturais e de conservación da cultura e do patrimonio. A formación de profesionais con capacidade crítica e comprensiva coa diversidade cultural, ademais de coas competencias de emprendemento que esixe o horizonte dixital nos ámbitos privado, público e mesmo no terceiro sector supoñen outros cometidos do grao en Xestión Cultural.

Novos mestrados

O Consello de Goberno da USC acordou tamén ampliar a oferta de mestrados universitarios para o curso 2019-20 con catro novas titulacións oficiais: Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, que se impartirá na Facultade de Ciencias de Lugo, Máster Química na fronteira, entre a Bioloxía e a Ciencia dos Materias, que se ofertará na Facultade de Química; Máster en Psicoloxía, que se impartirá na facultade homónima, e o máster interuniversitario en Visión por computador, un título coordinado pola USC e no que tamén participan a UDC e a Universidade de Porto.

Código de boas prácticas na investigación

A sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada este xoves serviu para a presentación e valoración do Código de Boas Prácticas na Investigación (CBPI) na USC, un documento acaído coa Estratexia de Recursos Humanos e Investigación (HRS4R) e revisado polo Comité de Bioética da USC, no que se recollan pautas, principios e recomendacións aplicables a calquera tipo de investigación que se desenvolva en calquera disciplina científica no marco da Institución Académica. O CBPI da USC ten como obxectivo axudar a entender o que significa a responsabilidade no exercicio da investigación e igualmente servir á comunidade científica co fin de definir un marco xeral de autorregulación.

Seguridade da información e xestión da documentos electrónicos da USC

A aprobación da política de seguridade da información no ámbito universitario, un ordenamento a través do que se sentan as bases para que o acceso, uso, custodia e salvagarda dos activos de información dos que se serve a USC para desenvolver as súas funcións, se realicen baixo garantías de seguridade nas súas diferentes dimensións, e a aprobación da política de xestión de documentos electrónicos na USC, foron outros dos puntos aprobados na reunión do Consello de Goberno, unha sesión durante a que se trataron cuestións referidas á modificación de programas académicos, asuntos económicos, convenios, así como o nomeamento e prórroga de profesores ou investigadores ad honorem.

Entrega de Certificados de Implantación de Sistemas de Garantía de Calidade

O reitor Antonio López entregou os diplomas acreditativos dos certificados de implantación de sistemas de garantía de calidade que vén de expedir a Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e á Facultade de Ciencias, un recoñecemento de boas prácticas que tamén acadaron na última convocatoria as facultades de Psicoloxía e Bioloxía de Santiago e que que xa acadara antes a Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, e o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, recolleron os diplomas, acreditacións que, segundo o reitor, “proban o bo facer do persoal dos distintos sectores universitarios”, a quen mostrou o seu agradecemento.

A presidenta da Acsug e tamén catedrática da USC, Patrocinio Morrondo, salientou a importancia dos certificados de implantación do sistema de garantía de calidade, unha acreditación que ten validez no contexto europeo e da que solo dispoñen títulos universitarios impartidos en 10 das 88 universidades españolas, un selecto grupo no que se atopan as tres institucións do Sistema Universitario de Galicia, sinalou.

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Antonio López e Victoria Otero De esquerda a dereita, Valcárcel, Cuesta, López, Morrondo, Martínez Ageitos e Feijoo Costa

The contents of this page were updated on 07.19.2018.