O Muíño de Olga será espazo de formación, transferencia e divulgación grazas ao acordo entre a USC e a CHMS
A cesión do Muíño de Olga, propiedade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), á USC servirá para poñer en valor e potenciar o coñecemento arredor de proxectos de desenvolvemento rural, enerxías renovables, hidroloxía, xestión de recursos do río, ecosistemas fluviais ou etnografía. Así, este espazo converterase nun punto destinado á docencia, á transferencia de coñecemento e á divulgación científica.
O reitor da USC, Antonio López, e o presidente da CHMS (organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), José Antonio Quiroga, rubricaron este luns 31 o acordo que posibilita a cesión do uso deste muíño en favor da USC. Ao acto tamén asistiu o concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez.
A CHMS executará as obras necesarias para conseguir a adecuada finalidade do edificio situado ao bordo do río Miño, á beira da Acea de Olga; mentres que a USC dotará de contido esta infraestrutura para o seu uso como punto de formación, divulgación científica e de transferencia de coñecemento. “O acordo contén o compromiso de destinar a devandita instalación a actividades de divulgación dos equipos docentes e grupos de investigación vinculados sobre todo ao Campus Terra da USC, especialmente os dedicados a proxectos de desenvolvemento rural, enerxías alternativas, hidroloxía, xestión dos recursos fluviais, flora e fauna acuáticas, construcións tradicionais ou etnografía”, afirmou o reitor.
“Hai que lembrar que as universidades teñen entre as súas funcións, a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social, polo que consideramos que esta cesión terá un uso adecuado de difusión da cultura tradicional, da historia e do valioso patrimonio etnográfico co que conta a nosa Comunidade Autónoma”, engadiu o presidente. A recuperación desta instalación e o seu uso na divulgación arredor da auga permitirá potenciar e “valorizar a importancia da auga na nosa vida, para o medio natural e para o desenvolvemento das actividades socio-económicas. Ademais, esta posta en valor permitirá achegar reciprocamente río e cidade, favorecendo a simbiose que dende sempre existiu entre ambos".
O proxecto construtivo contempla, ademais da rehabilitación do Muiño de Olga, a demolición de elementos anexos e a adecuación da contorna para evitar o impacto paisaxístico. Por outra banda, unha vez asinado este acordo e como apéndice ao proxecto, ambas as partes reuniranse para deseñar as características e peculiaridades que o adapten ás necesidades da Universidade, para ser incorporadas ao proxecto orixe e proceder á súa licitación. O investimento estimado do proxecto construtivo ascende a 900.000 euros, que serán sufragados pola CHMS na súa totalidade.