Conclúe un mes de xullo suave en Compostela

A temperatura máxima rexistrada en Santiago de Compostela neste mes de xullo foi de 28º2, unha cifra que se alcanzou o pasado mércores 26 segundo datos rexistrados na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC. En todo o mes, os termómetros non superaron os 30º en ningunha ocasión, algo pouco habitual segundo apunta o director do OARMA José Ángel Docobo Durántez, e especialmente singular no mes máis quente na escala global dende que hai rexistros: “No que levamos de século tan só acontecera anteriormente en 2009, cunha máxima nese mes de 27º5. Nos últimos corenta anos sucedeu algo similar en 1988 (cunha máxima 29º9), 1983 (con 27º5) e 1982 (con 29º2)”.
Docobo destaca que “a media nestas catro últimas décadas é de catro días de xullo con máis de 30º” e engade que a temperatura máxima absoluta nese período se sitúa nos 40º3 rexistrados o 20 de xullo de 1990, ano no que houbo 10 xornadas con máis de trinta.
A seguir cos datos de xullo de 2023, o informe do OARMA recolle que apenas se superaron os 25º en once xornadas máis dese mes e que a media das temperaturas máximas foi de 24º4, algo ideal para outras latitudes. A máis baixa das máximas aconteceu o día 14 de xullo, no que se rexistraron 19º6.
En xeral as temperaturas mínimas foron tamén moi suaves, cunha media en xullo de 14º5. A mínima absoluta tivo lugar o día 16 de xullo, con 10º1, e a mínima máis alta alcanzouse o do día 29 con 18º2.
Respecto ás precipitacións, a cantidade de choiva recollida neste xullo de 2023 foi de 38,3 litros/m2, o cal pode considerarse dentro da normalidade neste sétimo mes do ano que adoita ser estatisticamente o máis seco en Compostela. “De feito, hai só tres anos non chovera nada na capital de Galicia”, remarca Docobo.
Todos os datos achegados forman parte da colección diaria obtida na estación manual do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC, a máis antiga en funcionamento de Santiago de Compostela e colaboradora da Axencia Estatal de Meteoroloxía.