Skip to main content

Aberto o prazo de presentación de propostas ao Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra

O programa procura contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo da contorna do Campus Terra. FOTO: Santi Alvite
O programa procura contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo da contorna do Campus Terra. FOTO: Santi Alvite
As candidaturas de proxectos, que deben estar aliñados con eixos de investigación do Campus Terra, poden ser remitidas ata o 11 de setembro
Lugo

A USC pon en marcha o Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra, unha iniciativa que procura contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo da súa contorna, transferindo á sociedade o coñecemento xerado mediante a colaboración con empresas e institucións co gallo de dar resposta a problemas que a sociedade percibe como relevantes. 

Dirixida ao persoal investigador e grupos de investigación do Campus Terra, a convocatoria financiará proxectos con resultados de investigación que estean nunha fase de desenvolvemento e validación inicial (TRL 4 ou TRL 5) e que necesiten acceder a niveis avanzados de madureza tecnolóxica e acometer novas probas de concepto ou escalado.

As candidaturas presentadas disporán dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico do Campus Terra e da AVTE para unha adecuada orientación das propostas. Cada un dos proxectos seleccionados polo programa contará cun financiamento máximo de 15.000 euros e co acompañamento do persoal técnico da USC no seguimento e execución das propostas así como na aplicación social e económica do coñecemento xerado por eles. 

As solicitudes poden presentarse ata o 11 de setembro mediante o envío dunha ficha coa información relativa a cada proposta asinada pola persoa coordinadora do proxecto ao enderezo campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es). Canda as bases do programa, a web do Campus Terra pon á disposición do persoal investigador unha guía para facilitar a participación na convocatoria. 

Selección de propostas

O programa financiará proxectos de 3 a 8 meses de duración aliñados cos eixos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sustentables, Alimentación segura e saudable, Xestión forestal sostible, Novas tecnoloxías (TICs, ómicas, etc.), Cambio climático, Biodiversidade e infraestruturas verdes, Única saúde (Onehealth) e Historia e cultura do mundo rural. 

As candidaturas deberán contar cunha cunha traxectoria previa de investigación que, a través do financiamento público ou privado de proxectos de I+D+i, teña xerado novo coñecemento, metodoloxías de traballo ou datos anovadores e con potencial de aplicación. Os proxectos terán que atoparse nunha fase de maduración tecnolóxica mínima equivalente ao TRL4 (validación de compoñente e/ou disposición del na contorna de laboratorio) ou TRL 5 (validación de compoñente e/ou disposición del en contorna relevante).

Os criterios de avaliación de solicitudes terán en conta, entre outros parámetros, a coherencia e idoneidade das validacións propostas e da viabilidade técnica e económica para acadar os obxectivos no período de tempo establecido. Considerarán tamén a innovación respecto aos produtos ou servizos dispoñibles actualmente, o impacto social e económico das propostas, a adecuación e grao de compromiso das empresas ou entidades colaboradoras na transferencia de resultados de investigación e a súa capacidade para xogar un papel relevante no proceso, así como para aplicar as solucións acadadas. Ademais analizarán o grao de madureza dos resultados e a contribución da proposta aos ODS con atención á perspectiva de xénero. 

Para maior información pódese contactar co persoal técnico do Campus Terra a través do enderezo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es) ou dos teléfonos 982.822.854 e 982.822.860. 
 

The contents of this page were updated on 08.02.2023.