Skip to main content

O estudo dos solos antrópicos congrega na USC persoal investigador de máis dunha vintena de países

O XII Congreso Internacional SUITMA desenvólvese do 4 ao 7 de setembro de 2023 na Facultade de Bioloxía da USC. FOTO: Concello de Santiago
O XII Congreso Internacional SUITMA desenvólvese do 4 ao 7 de setembro de 2023 na Facultade de Bioloxía da USC. FOTO: Concello de Santiago
O XII Congreso Internacional do grupo de traballo SUITMA da Unión Internacional da Ciencia do Solo (IUSS) afonda na cartografía dos solos urbanos, a contaminación e restauración de solos degradados ou no uso de residuos para a reconstrución de solos
Santiago de Compostela

O estudo dos solos urbanos, mineiros e outros fortemente afectados por actividades humanas é o labor principal do SUITMA (Soils of Urban, Industrial, Traffic, Mining and Military Areas), un grupo de traballo da Unión Internacional da Ciencia do Solo (IUSS, polas súas siglas en inglés) que en 2023 celebra en Compostela a súa duodécima conferencia internacional. 

Este luns 4 de setembro botou a andar na Facultade de Bioloxía da USC o XII Congreso Internacional SUITMA,  un encontro  que coincide co 25º aniversario da creación do grupo e que se celebra por primeira vez na contorna estatal. O evento, organizado polo grupo de Avaliación da Calidade do Solo da USC, servirá para poñer en común o estado actual da investigación sobre a clasificación, propiedades, funcións e manexo sostible dos solos antropoxénicos, isto é, producidos ou modificados pola acción humana. O acto de inauguración contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús López Romalde; o presidente da IUSS, Edoardo Costantini; a directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas; e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

Ao longo de dous días de sesións científicas, preto de cen asistentes de máis de 20 países debaterán arredor de temas como a cartografía dos solos urbanos, a contaminación e restauración de solos degradados, ou o uso de residuos para a reconstrución de solos. Ademais, realizaranse varias saídas de campo nas que as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer os solos urbanos de Santiago de Compostela, visitar a planta de tratamento de residuos urbanos de SOGAMA, e observar exemplos de restauración de solos mineiros.

SUITMA

O grupo de traballo SUITMA (Soils of Urban, Industrial, Traffic, Mining and Military Areas) fundouse como parte da IUSS en 1998 grazas aos esforzos conxuntos dos profesores Wolfgang Burghardt da Sociedade Xermana de Edafoloxía e Jean-Louis Morel da Universidade de Lorraine. Desenvolve dende entón unha intensa e ininterrompida actividade, que fixo  avanzar enormemente o coñecemento dos solos antropoxénicos. Actualmente está liderado polo profesor Kye-Hoon John Kim, da Universidade de Seúl, e forman parte del representantes de 16 países.

Autoridades participantes na inauguración do XII SUITMA
Autoridades participantes na inauguración do XII SUITMA
The contents of this page were updated on 09.04.2023.