Skip to main content

O Campus Terra impulsa a monitorización de antibiorresistencias con intervencións en fauna, medio ambiente e alimentos

Unha investigadora, nun laboratorio
Unha investigadora, nun laboratorio
O proxecto liderado pola investigadora do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ na Facultade de Veterinaria da USC Azucena Mora e financiado con máis de 200.000 euros pola Axencia Estatal de Investigación constitúe unha nova iniciativa ‘One Health’ a prol do control das superbacterias
Lugo

O Campus Terra da USC avanza cara ao control das superbacterias e a diminución dos riscos que provocan tanto na saúde humana como animal a través do proxecto de investigación ‘Seguridade alimentaria: monitorización integrada de antibiorresistencias e dianas de intervención do medio ambiente, á granxa e á mesa’. Este programa, liderado pola investigadora do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Azucena Mora e financiado con máis de 200.000 euros pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, supón un novo chanzo no ámbito da ‘One Health’, no que colaboran de xeito coordinado e especialistas en medicina humana e veterinaria, ademais doutros perfís ligados coa microbioloxía, fauna salvaxe e xenómica.

O prazo de execución deste novo programa de I+D estenderase ao longo dos próximos tres anos, segundo indicou a profesora Mora Gutiérrez, que precisou que os distintos socios implicados neste consorcio, no que investigadores do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ e de fauna silvestre da Facultade de Veterinaria da USC, traballarán conxuntamente co Hospital Universitario Central de Oviedo (HUCA) e coa Consejería de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado de Asturias, así como con personal especializado do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal (Lasapaga) da Xunta de Galicia, e do Centro de Investigación Biomédica da Rioxa (CIBIR). O Laboratorio de Riscos Alimentarios de Berlín e a Universidade de Copenhague son outras das entidades que colaboran nunha iniciativa investigadora, que, segundo indicou Azucena Mora, permitirá transferir resultados e coñecementos de utilidade tanto para o Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos, coma para outras universidades, como é o caso de Murcia, ademais de para o tecido empresarial.

A investigadora principal deste proxecto de monitorización sincronizada de antibiorresistencias en alimentos, fauna e medio ambiente xustificou a pertinencia desta actuación pola necesidade de poñer freo á crecente pegada das chamadas superbacterias e, de ser o caso, mitigar os múltiples riscos que implican para a saúde a través da coñecemento de indicadores que permitan a adopción e mecanismos previos de control ou extinción das bacterias resistentes aos antibióticos.

A profesora Azucena Mora, que este mércores acadará a condición de catedrática do Departamento de Microbioloxía da USC, afondará sobre algunhas das actuacións concretas incluídas neste proxecto e respecto do posible impacto científico, social e económico que deparen os resultados do estudo dalgúns elementos clave, tales como produtos cárnicos dispoñibles á venda para o seu consumo, patóxenos específicos, infeccións do tracto urinario en humanos e cans, carne de xabarín e mesmo mostras de auga. A análise destes bioindicadores pode achegar información de relevo para avanzar na vixilancia e no control da emerxencia provocada na saúde humana e animal polas resistencias a antibióticos.

Azucena Mora Gutiérrez, no laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria
Azucena Mora Gutiérrez, no laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria
The contents of this page were updated on 09.21.2023.