Unha mostra amosa en Formación do Profesorado a importante pegada de mulleres e colectivos femininos na historia da educación
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 32 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar recuperan a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.
A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, inaugurada este xoves no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 24 de xaneiro de 2020. A viaxe pola historia da educación a través de mulleres que ofrece esta mostra comeza en Hipatia de Alexandría e remata nunha figura tan contemporánea como é a de Camino Pereiro.
A estes dous exemplos de educadoras que chamaron a atención dos futuros mestres do alumando galego de ensino primario, esta mostra elaborada polos mestres e mestras do futuro tamén pon o foco sobre a importante pegada deixada por Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, María Wonenburger, Elisa e Marcela, as irmás Agazzi, Maria Montessori, Mary McLeod, María de Maeztu, Elvira Bao, as educadoras da II República, Enriqueta Otero, Antía Cal, Josefina Aldecoa, o colectivo de orientadoras de Preescolar na casa, Christa McAuliffe, as mestras da montaña lucense, Julie Aigner-Clark, Mar Romera, Bibiana Marful ou, entre outras, Gey Lagar.
Alén de poñer en valor o traballo e as contribucións destas mulleres, outro dos cometidos da mostra é o de facer visible as tantas veces minimizadas, cando non silenciadas, achegas femininas, unha “inxustiza histórica ante a que a Facultade de Formación do Profesorado da USC non pode permanecer indiferente no século XXI”, segundo indica o profesor Francisco Xosé Candia Durán.
A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, unha mostra de acceso libre e de balde que permanecerá aberta ao público ata o 24 de xaneiro de 2020 na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, constitúe unha modesta contribución para situar as mulleres educadoras no posto de honra que se merecen.