Pasar al contenido principal

Unha mostra amosa en Formación do Profesorado a importante pegada de mulleres e colectivos femininos na historia da educación

Paneis da mostra 'Educación en feminio: un paseo pola historia', aberta ao público en Formación do Profesorado
Paneis da mostra 'Educación en feminio: un paseo pola historia', aberta ao público en Formación do Profesorado
A exposición elaborada por alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar permanecerá aberta ao público no vestíbulo da facultade luguesa ata o 24 de xaneiro
Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 32 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar recuperan a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, inaugurada este xoves no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 24 de xaneiro de 2020. A viaxe pola historia da educación a través de mulleres que ofrece esta mostra comeza en Hipatia de Alexandría e remata nunha figura tan contemporánea como é a de Camino Pereiro.

A estes dous exemplos de educadoras que chamaron a atención dos futuros mestres do alumando galego de ensino primario, esta mostra elaborada polos mestres e mestras do futuro tamén pon o foco sobre a importante pegada deixada por Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, María Wonenburger, Elisa e Marcela, as irmás Agazzi, Maria Montessori, Mary McLeod, María de Maeztu, Elvira Bao, as educadoras da II República, Enriqueta Otero, Antía Cal, Josefina Aldecoa, o colectivo de orientadoras de Preescolar na casa, Christa McAuliffe, as mestras da montaña lucense, Julie Aigner-Clark, Mar Romera, Bibiana Marful ou, entre outras, Gey Lagar.

Alén de poñer en valor o traballo e as contribucións destas mulleres, outro dos cometidos da mostra é o de facer visible as tantas veces minimizadas, cando non silenciadas, achegas femininas, unha “inxustiza histórica ante a que a Facultade de Formación do Profesorado da USC non pode permanecer indiferente no século XXI”, segundo indica o profesor Francisco Xosé Candia Durán.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, unha mostra de acceso libre e de balde que permanecerá aberta ao público ata o 24 de xaneiro de 2020 na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, constitúe unha modesta contribución para situar as mulleres educadoras no posto de honra que se merecen.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.