Skip to main content

A USC crea a Oficina NextGeneration para optimizar a xestión dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE

A xuntanza desenvolveuse no Colexio de San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Colexio de San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou a creación desta Oficina, que dependerá da Xerencia e que xestionará arredor de 36 millóns de euros ata 2026
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina NextGeneration da USC centralizará a xestión das axudas e subvencións que procedan do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), impulsado pola UE para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia. En concreto, esta nova Oficina da USC impulsará as accións necesarias para axilizar a absorción e execución dos fondos europeos “de xeito áxil, eficiente e seguro”. Así o aprobou o Consello de Goberno este martes 12 na primeira das dúas sesións extraordinarias que se desenvolveron no Colexio de San Xerome e, no marco das cales, tamén se deu luz verde á Oferta de Emprego Público do Persoal de Administración e Servizos para o exercicio 2023. 

Esta nova Oficina asesorará as estruturas e persoal investigador para a percepción de axudas financiadas ao abeiro do MRR, e realizará o estudo previo da súa viabilidade e o control da súa tramitación. En total, a USC xestiona nestes momentos arredor de 36 millóns de euros, a executar ata 2026, e a previsión é que continúe incrementando os fondos. “Cómpre adiantarse á posible captación de fondos para establecer un control sobre as axudas que reciba a Universidade de Santiago de Compostela, definir o interese estratéxico da súa aceptación segundo as condicións de execución e, ao mesmo tempo, prestar o apoio necesario ao persoal investigador responsable das axudas”, apunta o documento aprobado polo Consello de Goberno.

No marco da Oficina, poderanse crear grupos de traballo para tarefas específicas e transversais relativas a un proxecto ou conxunto de proxectos homoxéneo na súa execución, co obxecto de impulsar a xestión e dar cumprimento aos fitos e obxectivos aos que contribúan os fondos.

Estrutura de decisión 

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), aprobado polo Goberno estatal en decembro de 2020 ten por obxecto establecer as disposicións xerais precisas para facilitar a programación, orzamentación, xestión e execución das actuacións financiables cos fondos europeos destinados á recuperación. O PRTR conta con catro eixes transversais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión territorial e social e a igualdade de xénero. Eses eixes descompóñense en dez políticas panca que, á súa vez, están integradas por 30 compoñentes con máis de 400 medidas que contemplan obxectivos con investimentos e reformas a realizar. O PRTR configura unha estrutura de decisión e execución no que as universidades poden ser entidades executoras a nivel de subproxecto, que integran á súa vez os proxectos que forman parte das medidas e compoñentes do plan. 

A Oficina NextGeneration USC dependerá da Xerencia e formarán parte dela a Vicexerencia Xeral Técnica, as direccións das Áreas de Xestión da Investigación, Economía e Promoción e Estratexia Científica, e a xefatura da Subárea Económica, para os efectos de organizar e dirixir as súas actuacións.
 

The contents of this page were updated on 09.19.2023.