Skip to main content

O Coro Universitario selecciona voces para o curso 2023/2024

Cartel da convocatoria
Cartel da convocatoria
A audición para a que se debe solicitar praza a través dun formulario en liña, desenvolverase o 26 de setembro, ás 19.30 horas
Santiago de Compostela

O Coro da USC realizará o vindeiro martes 26 de setembro, ás 19.30 horas, unha audición destinada a seleccionar a persoas que teñan interese en formarse no eido do canto coral para que participen no grupo residente que ensaiará todos os martes lectivos do curso 2023-24 (agás nos períodos de exames) de 19.30 a 21.00 horas, ademais dos ensaios extraordinarios que poidan programarse. As persoas interesadas deben completar un formulario en liña ata o 22 de setembro. A través desta convocatoria seleccionaranse as persoas activas e as reservas coas que se conformará unha listaxe para cubrir posibles e futuras baixas dentro do Coro ata xuño de 2024.

A convocatoria diríxese á comunidade universitaria da USC, integrantes doutros coros e agrupacións vocais, estudantes de conservatorios e instrumentistas de todo tipo e estilo, cantantes de calquera estilo musical, actores, docentes e profesionais da voz, cantantes de formación lírica e afeccionados á música ou amantes do canto en xeral. A admisión quedará supeditada á superación da audición prevista para tal efecto, tendo preferencia as persoas da comunidade universitaria da USC. Na proba deberase interpretar una peza musical suxerida polo propio aspirante en calquera estilo ou versión que estime. Ademais, proporáselle un pequeno exercicio vocal que non precisa de preparación previa. O lugar da audición será enviado por correo electrónico ás persoas aspirantes.

Poderase participar no Coro Universitario un máximo de dous cursos. Para o estudantado de grao da USC, os créditos ECTS que se retribúen pola participación repartiranse do seguinte xeito: polo primeiro curso completado recibirán catro créditos e polo segundo recibirán dous. Poderase prorrogar a pertenza ao proxecto en seguintes convocatorias, a criterio da organización do Coro da USC pero sen retribución de créditos.

A comisión seleccionadora contará coa participación do director da orquestra da universidade e de outros membros da organización así como posibles profesionais convidados para a ocasión. Os ensaios darán comezo a partir de outubro de 2023.

The contents of this page were updated on 10.10.2023.