Investigadores e técnicos en horticultura debaten no Campus Terra os últimos ensaios e avances no sector
Técnicos, investigadores e especialistas en horticultura procedentes de toda España abordan até o venres na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC os últimas achegas científicas realizadas neste ámbito ao tempo intercambian experiencias orientadas á optimización da produción hortícola, tal e como se puxo de manifesto na apertura do LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, cuxo coordinador, o profesor da USC, Benigno Ruiz Nogueiras, salientou que obxectivo fundamental da reunión é o de transferir o coñecemento xerado para conseguir produtos de calidade e garantir un futuro rendible e sostible para o sector hortofrutícola español, aproveitando as vantaxes que achega o consumo de froitas e hortalizas.
O subdirector do Agacal, Manuel López Luaces; o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo; o deputado provincial delegado da área de Economía do Coñecemento e Formación, Miguel Fernández; a deputada da área de Cultura, Iria Castro, o coordinador nacional destas reunións científicas, Sotero Molina, e os profesores da USC e responsables da organización deste seminario Benigno Ruiz Nogueiras e Mª Belén Díaz Hernández, aproveitaron a sesión inaugural para poñer en valor a relevancia das prácticas hortícolas no actual contexto de cambio climático. O acto serviu asemade para salientar a fonda pegada cultural que teñen as hortas en Galicia, que é a cuarta comunidade autónoma de España, por detrás de Andalucía, Murcia e Castela a Mancha, cunha maior produción hortícola.
O programa desta reunión científica botou a andar cunha palestra de comunicación, no marco da que diversos relatores trataron cuestións relativas ao comportamento agronómico de cultivares de cebola e de brócoli en Canarias. O cultivo de alcachofa procedente de semente e o comportamento das variedades de tomate tradicionais de Valencia, así como respecto doutras variedades de tomate de fibra de coco cultivadas en invernadoiro, centraron a temática dos primeiros relatorios da xornada.
Xa en quenda de tarde, os máis de 30 congresistas inscritos neste foro analizaron, a través da presentación de distintas comunicacións, a influencia dos enxertos en cultivares de tomate de Cantabria, a calidade industrial dos cultivares de pataca ensaiados en Aragón, o fomento de enmendas orgánicas locais en leitugas, a demanda hídrica e nutritiva dun cultivar novo de pitaia en Canarias, ademais de abordar unha das enfermidades que afecta ao pepino.
Visitas técnicas
Os congresistas inscritos no LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura realizarán este martes unha visita técnica ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, onde, durante a mañá, asistirán a diversas charlas sobre lúpulo e material hortícola autóctono de Galicia para logo, xa en quenda de tarde, coñecer algunhas das experiencias de recollida e procesado de lúpulo desenvolvidas no CIAM, ademais de visitar algunhas das plantacións de lúpulo existentes nos arredores de Coruña e na comarca de Bergantiños.
O LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura mudará o mércores o seu foco a Xinzo de Limia, onde, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man algún dos ensaios de cultivo de patacas e recollida mecanizada que se realizan nunha das parcelas do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). O Consello Regulador IXP Pataca de Galicia e a cooperativa Postorio, que produce hortalizas ao aire libre e, en particular, cultiva unha cebola derivada do ecotipo de Betanzos, costitúen outras das visitas previstas nesta xornada.
Ferramentas dixitais de asesoramento agrario
O seminario de horticultura servirá de escenario este xoves dunha xornada aberta sobre ferramentas dixitais de asesoramento agrario. Trátase dun foro aberto e gratuíto para a todo o público interesado, que xa pode formalizar a súa inscrición en liña na web www.plataformatierra.es.
A xornada, que se prolongará en quenda de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia e de Cajamar. Daquela, persoal técnico da Xunta abordará nesta sesión sobre o Caderno Dixital, mentres que a Fundación Cajamar dará conta das iniciativas Cajamar Innova e Plataforma Tierra, orientadas a impulsar a innovación agroalimentaria, ademais de presentar o caderno de campo CXTierra. Esta sesión sobre ferramentas dixitais de asesoramento agrario rematará cun coloquio no que intervirán como relatores a presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, Elena Piñeiro; o director técnico de Aresa, Rubén de Castro; José Senade, da empresa Osigris, e o horticultor chairego Gabriel Lopes García.
O programa do LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura continuará xa en quenda de tarde coa presentación de diversas comunicacións das empresas Ecocelta e Sipcam sobre fertilización e saneamento. Este foro científico chegará o venres 18 ao seu remate cunha nova sesión matinal de ponencias na EPS de Enxeñaría cuxa temática xirará arredor do boniato e dos hortos urbanos.