Skip to main content

Bioloxía e RAGC renden tributo ao “alto compromiso universitario” de Tito A. Varela

A familia do profesor, sentada en primeiro termo, estivo presente na homenaxe. FOTO: Santi Alvite
A familia do profesor, sentada en primeiro termo, estivo presente na homenaxe. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC que faleceu o pasado mes de abril dedicouse á análise de secuencias Alu do ADN e estaba profundamente interesado na evolución humana e nas relacións filoxenéticas
Santiago de Compostela

O “alto compromiso universitario” do catedrático de Antropoloxía Física da USC, Tito A. Varela, falecido o pasado mes de abril, foi obxecto dunha homenaxe que se desenvolveu este martes 19 na Facultade de Bioloxía. USC e Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) quixeron render tributo á figura deste profesor que, na súa última etapa en activo, dedicouse á análise de secuencias Alu do ADN e estaba profundamente interesado na evolución humana e nas relacións filoxenéticas.

O reitor Antonio López presidiu a sesión na que tamén participou Manuel Freire, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, quen abordou a traxectoria do homenaxeado no seo da Academia da que era académico supernumerario. Rosario Calderón, catedrática de Antropoloxía Física da Universidade Complutense de Madrid, afondou no compromiso do profesor nesta disciplina académica; mentres que José Luís Blázquez, catedrático de Antropoloxía Biolóxica da USC, lembrou a figura do que foi o seu director de tese.  No transcurso do acto tamén interviñeron o decano da Facultade de Bioloxía da USC, Jesús López Romalde; e o presidente da RAGC e profesor emérito da USC, Juan Lema.

Traxectoria

Natural do concello lucense do Saviñao, Tito Varela foi profesor de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía da USC. En 1982 ingresou como académico da RAGC na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e foi o seu secretario no período 1982-1990 e tesoureiro entre 1990 e 2013. Foi presidente da Sociedade Española de Antropoloxía Física entre 1984 e 1987.

Logo de traballar na Universidade de Barcelona volveu á USC, onde se centrou en diversas áreas da Antropoloxía Biolóxica. A súa tese de doutoramento, lida na Universidade Complutense de Madrid en 1973, versou sobre o estudo antropolóxico dos restos óseos procedentes de necrópoles visigodas da Península Ibérica e tivo un importante impacto na comunidade científica da época. Posteriormente, traballou en consanguinidade e ADN mitocondrial. Ao longo da súa dilatada traxectoria académica escribiu unha trintena de artigos científicos e dirixiu catro teses de doutoramento.

The contents of this page were updated on 09.25.2023.