Skip to main content

A homenaxe a Bernard Miège serve de arranque á Escola de Doutoramento Internacional de Verán ‘Os valores do público na sociedade dixital’

Bernard Miège recibe o diploma de honra de mans de Antonio López e Ana Isabel Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
Bernard Miège recibe o diploma de honra de mans de Antonio López e Ana Isabel Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
A sesión inaugural serviu para render tributo en Ciencias da Comunicación á figura deste investigador que profundou no impacto da dixitalización no espazo público da sociedade contemporánea

‘O impacto da dixitalización no espazo público na sociedade contemporánea’ foi o título do relatorio inaugural co que o profesor emérito da Université de Grenoble-Alpes, Bernard Miège, abriu este mércores 20 a Escola de Doutoramento Internacional de Verán ‘Os valores do público na sociedade dixital’ que se desenvolverá en Ciencias da Comunicación ata o 22 de setembro. A sesión, presidida polo reitor Antonio López, serviu para homenaxear a figura deste investigador francés recoñecido polos seus traballos relacionados cos medios de comunicación, as industrias culturais e o espazo público.

Esta é unha iniciativa organizada polo proxecto de investigación Valcomm, dirixido polos profesores Miguel Túñez e Francisco Campos; a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa e o grupo de investigación Novos Medios, para crear un espazo aberto á aprendizaxe, á reflexión e ao debate que sirva para enriquecer a formación do alumnado de doutoramento da área das Ciencias Sociais. Con todo, a programación de conferencias e paneis nas sesión das mañás atópanse aberta ao público xeral.

Ademais do profesor Túñez, no acto inaugural tamén participaron o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC, Pablo Taboada Antelo; a decana da Facultade de Ciencias de la Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; o coordinador do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea, Xosé Soengas Pérez; e a representante do comité organizador, Marta Rodríguez Castro. A continuación o reitor e mais a decana, xunto ao profesor Juan Carlos Miguel de Bustos, deron paso ao relatorio de Bernard Miège a quen tamén lle renderon tributo a través das súas intervencións.

Esta actividade nútrese de múltiples mesas redondas nas que ao longo destas tres xornadas se abordarán cuestións como os valores emerxentes e contravalores na sociedade actual, o servizo audiovisual público e a súa lexitimidade ante as audiencias mozas, metodoloxías para a investigación do público e os públicos, transferencia da investigación e difusión do coñecemento, e novos retos na regulación do servizo audiovisual público que se suman á clase maxistral, o venres 22, sobre o uso de datos, intelixencia artificial e metaverso no servizo audiovisual público.

 

Organizadores e público do foro. FOTO: Santi Alvite
Organizadores e público do foro. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.20.2023.