Skip to main content

Química profunda no futuro do sector agroalimentario cunha perspectiva sustentable

O foro reuniu esta semana medio cento de asistentes
O foro reuniu esta semana medio cento de asistentes
A xornada achegou á sociedade os últimos desenvolvementos en materia de innovación que se están levando a cabo nas universidades galegas e noutros eidos da sociedade
Santiago de Compostela

A xornada ‘Cara a un futuro sostible no sector agroalimentario galego’ achegou á sociedade os últimos desenvolvementos en materia de innovación que se están levando a cabo nas universidades galegas e noutros eidos da sociedade para mellorar de forma sustentable o sector agroalimentario galego. O foro que reuniu esta semana medio cento de asistentes  foi seleccionado polo Consello Social da USC, xunto con outras 10 iniciativas, para recibir financiación a través do seu programa de axudas na convocatoria de 2023. 

Organizada por María Celeiro, investigadora do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) do Departamento de Química Analítica e membro do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), a xornada contou con relatores como Perla Ferrer, do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA); Marta Lores, catedrática de Química Analítica da USC; e Jorge Domínguez, catedrático de Bioloxía da UVigo. 

Ademais, contouse con empresas do sector dos extractos naturais como i-Grape Laboratory, spin-off da USC que está en pleno proceso de expansión, e do sector cosmético (CHORIMA Cosmética Atlántica, de recente creación). Laura Rubio, responsable de calidade de i-Grape Laboratory e Miguel de la Calle, xerente de CHORIMA Cosmética Atlántica, explicaron como de forma sostible inclúen nos seus produtos materias primas procedentes do sector agroalimentario galego para darlles un valor engadido. A xornada rematou cunha visita con cata e degustación á Adega Martín Códax que hai poucos días recibiu a certificación de adega sostible “Sustainable Wineries for Climate Protection”. 
 

The contents of this page were updated on 09.21.2023.