O aparcadoiro de Formación do Profesorado terá acceso único pola Avenida Ramón Ferreiro e saída pola Rúa Pintor Corredoira
O aparcadoiro universitario da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo experimentará o próximo curso un cambio na súa regulación do tráfico rodado, xa que se establecerá un sentido de circulación único, con acceso exclusivo de vehículos pola entrada habilitada na Avenida Ramón Ferreiro, e saída pola Rúa Pintor Corredoira.
A modificación da regulación do tráfico rodado neste aparcadoiro universitario pretende mellorar a seguridade peonil das persoas, xa que se trata dun recinto moi concorrido e de paso obrigado para os escolares, pais e docentes do Ceip Anexa Lugo, así como para todos os membros da comunidade universitaria da Facultade de Formación do Profesorado e demais usuarios e usuarias deste centro.
Os cambios programados no aparcadoiro da Facultade de Formación do Profesorado entrarán en vigor a partir da segunda semana do mes se setembro, cando está previsto que rematen as obras de renovación de pavimentación e mellora da eficiencia e tamén da seguridade dos actuais sistemas de control de acceso. Estas actuacións, que contan cun orzamento aproximado de preto de 50.000 euros, contemplan asemade o pintado das prazas de estacionamento, así como de vías de circulación de tráfico rodado e a delimitación doutras áreas de tránsito peonil.
Outras obras
A USC tamén está a desenvolver outras obras de reforma e mellora de instalacións na sede universitaria luguesa aproveitando o período estival. Unha destas actuacións afecta tamén á Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, en cuxas instalacións tamén se están a realizar obras de adecuación e acondicionamento dun espazo para a Unidade de Voz. Esta actuación, que previsiblemente tamén estará rematada antes do comezo da actividade académica do curso 2017-2018, supón unha inversión de máis de 13.000 euros.
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay tamén está a realizar este verán, dando así continuidade ás obras de mellora das súas instalacións xa acometidas en anos anteriores, diversos traballos de acondicionamento das súas instalacións. Neste caso, as actuacións programadas afectan ao pintado da segunda planta do complexo universitario, así como á renovación e substitución das portas das habitacións deste andar. A inversión desta actuación ronda os 25.000 euros.