Skip to main content

Pisos esvaradíos, cubículos e corredores reducidos, eivas de benestar animal nas granxas luguesas de vacún de leite

O estudo constata que na maioría das explotacións da provincia fan un bo manexo de animais e teñen boas instalacións. Foto: Pixabay
O estudo constata que na maioría das explotacións da provincia fan un bo manexo de animais e teñen boas instalacións. Foto: Pixabay
A tese de doutoramento desenvolvida no Campus Terra da USC pola veterinaria Sonia Verdes Gil baixo a dirección de Pedro García Herradón e Luis Quintela conclúe que as superficies incómodas e as dimensións reducidas de cubículos e corredores afectan á saúde e á hixiene dos animais e diminúen a rendibilidade das explotacións na provincia de Lugo
Lugo

As dimensións reducidas de cubículos e os corredores e as superficies incómodas ou esvaradías nas salas de espera, corredores e pasos laterais son dous dos principais indicadores negativos de benestar animal advertidos nas explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento ‘Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción’, que vén de presentar Sonia Verdes Gil na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

A investigación de doutoramento desenvolvida por esta veterinaria chairega baixo a dirección dos profesores da USC Pedro García Herradón e Luis Quintela, apunta asemade que estes eivas afectan negativamente aos animais, dado que se trata de deficiencias que poden provocar problemas de hixiene e tamén na súa saúde, ao tempo que teñen un impacto negativo na produtividade e nos ciclos de reprodución das vacas e, en consecuencia, na rendibilidade das explotacións de vacún de leite.

A tese desenvolvida por Verdes Gil avalía as debilidades e fortalezas que presentan as granxas de vacún de leite da provincia de Lugo no plano do benestar animal, ao tempo que trata de definir os efectos que provocan nos animais as instalacións menos confortables e o incorrecto manexo das reses.  Para este estudo, a veterinaria chairega recolleu multitude de datos relativos a instalaciones, manexo, saúde dos animales e capacidade reprodutiva e productiva en case 200 explotacións.

A maioría das explotacións avaliadas amosan condicións axeitadas tanto no manexo dos animais como no mantemento das instalacións, sinala Verdes, quen tamén apunta aspectos susceptibles de mellora relativos ao deseño e aos materiais utilizados na súa construción. Os resultados acadados neste labor de investigación tamén resaltan a necesidade de establecer un plan de bioseguridade que teña en conta todos os posibles riscos e defina estratexias para previr enfermidades. Entre os principais aspectos a considerar, detalla a investigadora, está a introdución de novos animais, xa que poden ser portadores de enfermidades adquiridas na granxa de orixe, nos mercados ou durante o transporte. Para mitigar este risco, recoméndase dispoñer dun curral de corentena para evitar a propagación de posibles patóxenos.

A avaliación cuantitativa do nivel de confort derivado das instalacións e manexo, a investigación constata unha diferenza de 33 puntos entre as granxas con mellores características e as peores. As granxas con mellores puntuacións destacan pola calidade do material das camas e o seu óptimo mantemento e limpeza, o que redunda en animais máis limpos e mellores taxas produtivas e de reprodución. Pola contra, nas explotacións peor cualificadas advírtense reses cunha hixiene deficiente nas patas e na ubre, unha menor taxa de detección de celo e unha produción de leite inferior. Asemade, a investigación asocia a limpeza das áreas de descanso e corredores cunha menor incidencia de enfermidades dos cascos e de mamites nas vacas, ao tempo que atribúe ás reducidas dimensións dos cubículos e dos pasillos e a elevada densidade de poboación unha alta incidencia de coxeiras, unha tipoloxía de lesión que presenta o 19,3% das vacas das explotacións obxecto da investigación.

Tribunal de tese e cualificación

A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Zaragoza Mª Lidia Gil Huerta presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Sonia Verdes Gil. O xestor de vendas en ABS España - Genus PLC, Juan Manuel Caínzos Cagiao, e o profesor na Facultade de Veterinaria da USC Rodrigo Muíño Otero completaron un comité que outorgou á investigación de doutoramento a máxima cualificación de sobresaínte cum laude

Sonia Verdes, terceira pola dereita, xunto cos directores e membros do tribunal da súa tese de doutoramento
Sonia Verdes, terceira pola dereita, xunto cos directores e membros do tribunal da súa tese de doutoramento
The contents of this page were updated on 09.26.2023.