Skip to main content

Un congreso advirte das "desigualdades de xénero, clase social e raza” que rexen as culturas dos coidados

Miguel González, Javier Vázquez, Marta Pérez, Ana Cabana e Elena Freire, na apertura do congreso
Miguel González, Javier Vázquez, Marta Pérez, Ana Cabana e Elena Freire, na apertura do congreso
A profesora da Universidade de Granada Carmen Gregorio critica a “ollada económica e androcéntrica” que aínda persiste no concepto e no labor de coidar, na apertura dun congreso promovido polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feminisas e de Xénero (CIFEX) da USC e que cita ata a este venres 17 relatores e máis de 100 participantes en Humanidades
Lugo, Santiago de Compostela

“O coidado é unha realidade que nos afecta a todas as persoas, pero constitúe un concepto cunha xenealoxía que está atravesada pola desigualdade de xénero, de clase social e de raza”, afirma a profesora do Departamento de Antropoloxía da Universidade de Córdoba, Carmen Gregorio. A tamén coordinadora do mestrado Erasmus Mundus en Estudos das Mulleres e de Xénero fixo estas declaracións na palestra de apertura do congreso internacional ‘As culturas dos coidados e os feminismos’, un foro promovido polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Xénero (CIFEX) da USC e coordinado polas profesoras Elena Freire e Ana Cabana que cita a este venres un total de 17 relatores e máis de 100 participantes no salón de actos ‘Ana Goy Diz’ da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.

Convencida de que “o coidado é un concepto político inscrito no ámbito do feminismo”, Carmen Gregorio insistiu na súa intervención na necesidade de abordar a cuestión dos coidados desde unha dimensión e unha perspectiva plural, dado que “falar de coidados está relacionado con persoas dependentes, avellentadas, pero tamén cómpre incluir a infancia e mesmo as migracións”, dixo, para logo atribuír a “ollada económica e androcéntrica que aínda rexe as culturas dos coidados ao feito de que históricamente se deixaron fóra deste concepto os chamados traballos de reprodución”.

O relatorio ofrecido por Gregorio baixo o título ‘O dereito a coidar e ser coidado: O que nos desvela falar de coidados desde una perspectiva feminista’ deu continuidade á sesión inaugural do congreso, un acto no que participaron a delegada do reitor da USC para Igualdade, Marta Pérez Barreiro, o xefe territorial da Xunta en Lugo, Javier Vázquez Nodal, e o vicedecano do centro centro universitario lugués, Miguel  González Pereira. Logo destas intervencións, Eva Aguayo e Nélida Lorenzo, do CIFEX da USC, pecharon a sesión matinal cunha charla sobre a economía dos coidados.

Programa

O programa do congreso, organizado ao abeiro dun convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade para o desenvolvemento do Plan Corresponsables en Galicia, continúa en quenda de tarde co relatorio ‘Do esquecemento da saúde mental: asistencia psiquiátrica e manicomios na España franquista’, a cargo da investigadora da USC Noelia Valiño. A esta intervención seguirá outra, a cargo de Tamara López Fernández, co título ‘Cando coidar era controlar e castigar mulleres: o Patronato de Protección a la Mujer na ditadura de Franco.

A primeira xornada desta reunión científica, na que tamén participan como relatores docentes  docentes das universidades de Sevilla e Estremadura, chegará ao seu colofón cos relatorios ‘Pastillas contra a escaseza. Unha historia cultural da medicalización da fame na posguerra’, a cargo de David Conde Caballero, da UNEX, e ‘Coidados, culpas, maternidades en cuestión. Etnografías da malnutrición en Guatemala’, unha temática sobre a que disertará Lorenzo Mariano Juárez.

O investigador do CIFEX da USC Lorenzo Latorre Ruiz abrirá, ás 9.00 horas, o progama do venres coa charla ‘A xestión colectiva dos coidados. Coidados e sexualidades non hexemónicas’. O co-housing como alternativa para o coidado na nova vellez e a etnografía crónica do autocoidado dunha anticoagulada centrará de seguido a temática das intervencións das profesoras na Facultade de Humanidades da USC Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre, respectivamente. O investigador da Universidade de Sevilla pechará a sesión matinal do venres coa charla ‘Cando os coidados non teñen prezo. Contrarrestar a soidade’.

As achegas das ciencias sociais ao plan vital desde as perspectivas de xénero, saúde e políticas públicas, e a construción dun círculo de coidados a partir da experiencia de espazo-tempo para os afectos na universidade serán outros dos temas abordados na derradeira sesión deste congreso, que pechará o seu programa cos relatorios ‘Pedagoxía feminista ecoanimal. Coidados interespecie’, a cargo de Milena Villar, e ‘Do traballo doméstico ao traballo dos coidados: poñer a vida no centro’, unha charla que impartirá Guadalupe Jiménez Esquinas.

Carmen Gregorio, na Facultade de Humanidades
Carmen Gregorio, na Facultade de Humanidades
The contents of this page were updated on 09.28.2023.