Skip to main content

EPS de Enxeñaría, un centro pegado á terra con dimensión global

Presentación de Kaizen Institute a alumnado da EPS de Enxeñaría
Presentación de Kaizen Institute a alumnado da EPS de Enxeñaría
A consultora internacional Kaizen Institute procura futuros profesionais con talento nos eidos da enxeñaría civil e agroforestal entre o alumnado dun centro universitario lugués que vén de entregar ao Banco de Alimentos de Lugo a última colleita de hortalizas cultivadas na Finca de Prácticas do Campus Terra da USC
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC conxuga de xeito harmónico a dimensión internacional que lle outorga a constante incorporación dos seus egresados a un mercado laboral cada vez máis globalizado coas prácticas cotiás, ligadas co manexo da terra e a ordenación, conservación e aproveitamento de recursos naturais, que implica a formación de futuros profesionais no ámbito das enxeñarías civil e agroforestal, sectores nos que se rexistra un elevado número de ofertas de traballo e un alto grao de empregabilidade.

A recente visita dunha delegación da consultora internacional Kaizen Institute ao centro universitario lugués na procura de talento mozo para incorporar ao seu cadro de persoal constata a sempre necesaria conexión entre a Escola Politécnia Superior de Enxeñaría da USC e o tecido empresarial, segundo indica Rosa Romero. A directora da EPSE apuntou neste senso que  a versatilidade dos perfís profesionais que ofrece o abano de títulos de grao no ámbito das enxeñarías impartido nun centro que conta cuns 700 estudantes matriculados constitúen dúas fortalezas que converten o centro universitario lugués nun polo de interese para moitas empresas.

A presenza no Campus Terra da USC da consultora con sede en Suíza Kaizen Institute encádrase no marco da colaboración que mantén estas compañía internacional con distintas universidades, nas que promove a celebración de actividades formativas e de divulgación, ademais de tecer acordos orientados á selección de estudantes e tamén de persoas xa tituladas ben para a realización de prácticas ou ben para a súa incorporación ao cadro de persoal da empresa.

Producións solidarias

A formación práctica que recibe o alumnado que cursa os graos de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPS de Enxeñaría da USC é unha das chaves que explica o éxito da súa posterior incorporación a un mercado de traballo que, segundo constatan, os distintos órganos colexiados, rexistra unha elevada demanda deste tipo de profesionais. A disposición de invernadoiros e fincas de prácticas supón unha vantaxe competitiva para a EPSE e, sobre todo, un recurso que repercute na mellor capacitación e na adquisición de coñecementos prácticos por parte do alumnado, sinala Rosa Romero.

A directora do centro universitario lugués comentou asemade que as producións obtidas das distintas plantacións realizadas na parcela de prácticas de que dispón a USC en San Fiz, así como nos invernadoiros habilitados na Valgada do Campus, teñen unha finalidade solidaria, dado qeu se entregan na súa totalidade ao Banco de Alimementos de Lugo. O responsable da finca de prácticas da EPSE, Eliseo Huerta, explicou neste senso que “desde comezos do verán fixéronse xa cinco entregas de hortalizas ao Banco de Alimentos e aínda nos falta por recoller unha pequena plantación de patacas”.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría mantén esta colaboración co Banco de Alimentos desde hai anos. De feito, as leitugas, tomates, pementos, berenxenas, cebolas, patacas... colleitadas nestes meses de verán foron para o Banco de Alimentos, a entidade á que tamén se doarán todos os cultivos de inverno, que son, principalmente, coliflor, brécol e repolo”, dixo.

Tomates, pementos e berenxenas colleitadas na finca de prácticas da EPSE
Tomates, pementos e berenxenas colleitadas na finca de prácticas da EPSE
The contents of this page were updated on 10.02.2023.