Skip to main content

Un estudo constata que canto máis tempo se leve sen fumar antes do diagnóstico, maior será a supervivencia en doentes con cancro de pulmón

Os pacientes inscritos foron diagnosticados entre o 1 de xuño de 1983 e o 31 de decembro de 2019.  FOTO: Santi Alvite
Os pacientes inscritos foron diagnosticados entre o 1 de xuño de 1983 e o 31 de decembro de 2019. FOTO: Santi Alvite
Os profesores da USC Alberto Ruano e Mónica Pérez participan nun estudo do Consorcio Internacional de Cancro de Pulmón no que se avaliaron máis de 42.000 pacientes de todo o mundo. A investigación detecta un efecto evidente na supervivencia a partires do ano de abstinencia
Santiago de Compostela

Unha investigación na que participan os profesores da área de Saúde Pública da USC, Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, logrou demostrar que aqueles doentes que deixan de fumar antes do diagnóstico de cancro de pulmón, acadan unha maior supervivencia desta enfermidade. Segundo os investigadores, “a supervivencia aumenta tamén incluso naqueles pacientes que deixasen de fumar de un a tres anos antes do diagnóstico da enfermidade”. O artigo titulado ‘Association between duration of smoking abstinence before non-small-cell lung cancer diagnosis and survival: a retrospective, pooled analysis of cohort studies’ acaba de ver a luz na revista Lancet Public Health. Os profesores Ruano e Pérez pertencen ao grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia 'Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde'.

A investigación xorde como iniciativa do Consorcio Internacional de Cancro de Pulmón (International Lung Cancer Consortium) ao que pertencen os investigadores da USC e foi liderada por un equipo canadense. No estudo participaron máis de 42.000 doentes de todo o mundo. “Estes resultados teñen implicacións importantes no eido da saúde pública, xa que mentres que xa se sabía que o risco de cancro de pulmón diminuía co tempo que as persoas levasen sen fumar, apenas existía evidencia sobre o efecto que isto tiña na supervivencia dunha enfermidade cunha elevada letalidade, polo que é importante reforzar o consello antitabaco nas consultas dos especialistas”, sinalan os profesores da USC. Estes estudos só son posibles no ámbito de colaboracións que inclúan un elevado número de pacientes.

“A asociación entre a duración da abstinencia de fumar antes do diagnóstico de cancro de pulmón de células non pequenas e a supervivencia posterior pode influír nas mensaxes de saúde pública transmitidas na detección do cancro de pulmón”, explican dende o equipo investigador.

Metodoloxía

Nesta análise retrospectiva e agrupada de estudos de cohortes, utilizáronse 26 cohortes que participaron en estudos de resultados clínicos do Consorcio Internacional de Cancro de Pulmón en 23 hospitais. En concreto, 16 (62%) eran de América do Norte, seis (23%) de Europa, tres (12%) eran de Asia e un (4%) de América do Sur. Un estudo de cohorte é un tipo de investigación na que se fai unha comparación da frecuencia de aparición dun evento entre grupos. Os individuos que compoñen os grupos (cohortes) de estudo selecciónanse en función da presenza ou ausencia da exposición avaliada.

Os pacientes inscritos foron diagnosticados entre o 1 de xuño de 1983 e o 31 de decembro de 2019. Os pacientes elixibles presentaban datos sobre tabaquismo antes do diagnóstico do cancro de pulmón de células non pequenas, datos epidemiolóxicos no momento do diagnóstico (obtidos en gran medida de cuestionarios de pacientes) e información clínica (extraída de rexistros médicos). O equipo estimou a supervivencia global por todas as causas, medida en anos dende a data do diagnóstico ata a data do último seguimento ou morte por calquera causa e a supervivencia específica do cancro.

The contents of this page were updated on 10.04.2023.