Skip to main content

O congreso Galeusca-Historia traza unha lectura histórica do presente dende a perspectiva das nacionalidades galega, catalá e éuscara

De esquerda a dereita, Antonio Míguez, Natividad González, Antonio López, Goretti Sanmartín, Víctor F. Freixanes e Lourenzo Fernández Prieto. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio Míguez, Natividad González, Antonio López, Goretti Sanmartín, Víctor F. Freixanes e Lourenzo Fernández Prieto. FOTO: Santi Alvite
Este foro coincide co centenario do primeiro pacto de Galeusca e reúne máis de 30 historiadores e historiadoras de sete universidades para debater sobre asuntos arredor deste século transcorrido
Santiago de Compostela

A sétima edición do congreso Galeusca-Historia botou a andar este xoves 5 na Facultade de Xeografía e Historia para debater “asuntos de calado historiográfico dende a perspectiva das tres nacionalidades”, tal e como explican dende a organización deste foro que se realiza dende o ano 2010, impulsado por investigadores e investigadoras das universidades de Galicia, Cataluña e Euskadi.

Este congreso coincide co centenario do primeiro pacto de Galeusca e reúne máis de 30 historiadores e historiadoras de sete universidades para debater sobre asuntos arredor deste século transcorrido. “Neste marco procúrase unha lectura histórica do presente, ollando o pasado para tratar de entender o longo percorrido de cuestións moi actuais e a partir das preguntas da historiografía actual. Buscamos unha mirada plural, pensada en Europa e no mundo, centrada na historia deste tempo e na historiografía de todos os tempos, aberta tamén ás achegas do resto de ciencias sociais e humanas”, explican.

A inauguración presidida polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Paraninfo, contou coas intervencións do catedrático en Historia contemporánea e representante da organización do congreso, Lourenzo Fernández Prieto; Antonio Míguez Macho, vicedecano da Facultade; Victor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González Rodríguez; e Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela. A conferencia inaugural correu a cargo de Ramón Villares Paz que, na liña do seu último libro, abordou ‘Galeusca e a composición política de España’.

A mañá do xoves continúa coa sesión ‘A dimensión internacional de Galeusca’. ‘A pluralidade nacional hispana e proposta política galeuscana de onte a hoxe’ centra a quenda de tarde. O venres a sesión centrarase na ‘Memoria e historia do pasado incómodo’. A conferencia de peche do congreso correrá a cargo de Montserrat Duch Plana, catedrática da Universitat Rovira i Virgili. O congreso está organizado por Histagra, grupo de investigación da USC, e conta co apoio da Deputación da Coruña.

O profesor Villares (primeiro pola esquerda) pronunciou o relatorio inaugural. FOTO: Santi Alvite
O profesor Villares (primeiro pola esquerda) pronunciou o relatorio inaugural. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.05.2023.