Explorar o potencial das ferramentas dixitais, reto de futuro para a alta restauración galega
Unha boa parte da restauración galega non concede credibilidade ás plataformas de opinión como TripAdvisor e tampouco coñece o impacto estatal e internacional dos seus clientes nin profunda nas ferramentas de mercadotecnia dixital. Con todo, as administracións públicas seguen enfocando a gastronomía galega como un dos recursos turísticos máis valiosos identificando Galicia co bo comer e, polo tanto, empregando a gastronomía, mesmo asociada ao Camiño de Santiago, como factor clave na promoción do destino turístico. Estas son dúas das principais conclusións que achega a tese de doutoramento da xornalista e investigadora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, María Mosquera Leal, dirixida polo profesor Fermín Galindo.
A xestión da reputación, o ecosistema actual da comunicación gastronómica, a rápida transformación que experimentou a valoración do cociñeiro e o impacto da telerrealidade e das plataformas de recomendación na alta restauración galega son algúns dos aspectos que se analizan neste traballo de investigación no que se aborda, por primeira vez en Galicia, a análise do impacto da reputación na gastronomía e o relato gastronómico que se fai da alta cociña galega.
“A gastronomía é unha das principais motivacións do/a turista para elixir Galicia, despois da natureza”, relata a investigadora. Porén, descubrir que imaxe da gastronomía galega nos chega e, sobre todo, coñecer como impactan as valoracións dos clientes nas redes sociais ou os influencers no relato gastronómico galego é o que levou a esta investigadora a analizar como evolucionou a comunicación gastronómica ao longo do tempo, antes exclusivamente en mans de críticos culinarios e agora “democratizada” a través das puntuacións das plataformas como TripAdvisor.
“Interesábame coñecer de primeira man como impactara ese cambio nos negocios hostaleiros, especialmente na alta restauración galega, se facían uso das redes sociais e as ferramentas de mercadotecnia en liña ou tiñan profesionalizada a comunicación dos seus establecementos, nun momento no que a cociña ocupa o prime time nas televisións estatais e os cociñeiros parecen ser as novas estrelas do rock para a nosa sociedade”, explica María Mosquera. Algo no que a investigadora establece que se deron pasos adiante, pero que aínda queda moito por facer, sobre todo profundando na análise de toda a información que os usuarios xeran en Internet sobre cada establecemento e o alcance que podería chegar a ter non só para o sector, senón para o destino Galicia.
Visión estratéxica
A investigación complétase cunha vintena de entrevistas a figuras da restauración, crítica e fotografía gastronómica, así como a responsables de diferentes entidades vinculadas á formación e á promoción turística. De todas elas, así como da análise dos comentarios nas diferentes redes sociais e plataformas, a investigadora extrae que o potencial para usar estas ferramentas que atraen o público internacional non está de todo desenvolvido. As materias pendentes neste eido abranguen a formación e sensibilización ao sector sobre o potencial das ferramentas de comunicación en liña, máis alá de redes sociais xeralistas, e o peso que teñen as plataformas dixitais de recomendación á hora de situar un restaurante. “O conxunto da información xerada polos usuarios é hoxe en día unha peza crucial á hora de lograr unha boa reputación nos seus establecementos e atraer novos clientes internacionais, polo que sería necesaria máis formación neste sentido para as novas figuras da restauración”, afirma.
Do mesmo xeito, a investigadora chama a atención sobre a innovación social, a innovación tecnolóxica tanto na produción como na elaboración de materias primas, e o peso da cociña dentro da imaxe como país, que xoga un papel importante nun momento en que “a cociña é tendencia e déixanos ademais unha clara perspectiva de impacto no mundo do turismo, que pasou de estar centrado no sol e praia a estar protagonizado de forma importante pola culler, sendo un reclamo internacional para moitos dos visitantes que apostan por España e, no caso que nos ocupa, por Galicia”.