Skip to main content

69 investigadores da USC figuran entre o 2% de científicos máis citados do mundo

Esta é a sexta versión que se publica desta base de datos na que os científicos/as atópanse clasificados en 22 eidos de 174 subáreas. FOTO: Santi Alvite
Esta é a sexta versión que se publica desta base de datos na que os científicos/as atópanse clasificados en 22 eidos de 174 subáreas. FOTO: Santi Alvite
A evolución da USC dende o ano 2021 marca unha tendencia ascendente xa que nese ano eran 39 os investigadores da institución compostelá recollidos na clasificación
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 69 investigadores/as da USC figuran na clasificación dos científicos/as máis citados/as e recollidos no ránking Stanford de investigadores, unha clasificación baseada en datos de Elsevier que acaba de facerse pública baixo a coordinación de John P. A. Ioannidis. Os datos presentados ordénanse en función de diversos parámetros normalizados como, por exemplo, as citas, o índice h, o índice hm axustado por coautoría, ou citas de artigos en diferentes posicións de autoría. Ademais da perspectiva global que toma en consideración toda a carreira investigadora do persoal investigador (período 1996-2022), compleméntase cunha segunda táboa que recolle a aquelas persoas entre o 2% máis citados polas súas publicacións actualizadas a finais do ano 2022. Os dez investigadores máis destacados da USC no marco desta clasificación son Juan J Nieto, Felipe F. Casanueva, María Jose Alonso, Andrés Baselga, Arturo López-Quintela, Juan C. Reboredo, Nestor Armesto, Jesús F. Salgado, Miguel López e Jesús L. Romalde.

A evolución da USC nos últimos anos marca unha tendencia ascendente xa que os datos publicados en 2021 identificaban na USC a 39 investigadores na clasificación, fronte aos 69 incluídos nesta última versión. Ademais, a posición relativa tamén mellora, pois dos 3.230 investigadores españois o 2,14% corresponde á USC, fronte ao 1,73% que representaban en 2021, se ben o conxunto de Galicia a presenza de persoal investigador diminúe do 3,73% a 3,19%.

En canto ao perfil de xénero, as mulleres representan o 24% do total de científicos do Sistema Universitario de Galicia (SUG) na devandita listaxe. A situación específica da USC é sensiblemente mellor, pois a porcentaxe correspondería ao 26,1%. Para ter información específica dos seus traballos, así como do resto do PDI da USC, pódese consultar en aberto o Portal de Investigación. Esta é a sexta versión que se publica desta base de datos na que os científicos/as atópanse clasificados en 22 eidos de 174 subáreas. A clasificación está integrada por máis de 200.000 investigadores.

 

The contents of this page were updated on 10.09.2023.