Skip to main content

O proxecto Mentoring USC Desenvolvemento Profesional abre a súa novena convocatoria

Estudantado no Campus
Esta é unha convocatoria dirixida ao conxunto do alumnado. Foto: Santi Alvite
Esta é unha actividade que busca mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral do estudantado e persoas tituladas recentemente a través do contacto con profesionais

O proxecto Mentoring USC Desenvolvemento Profesional busca mellorar as posibilidade de acceso ao mundo laboral do estudantado e persoas tituladas recentemente, achegándolles a oportunidade de establecer contacto con profesionais de campos afíns aos seus estudos. O proxecto acaba de abrir a súa novena convocatoria, na que as persoas interesadas poderán inscribirse ata o próximo 27 de outubro. Ata o de agora téñense beneficiado desta iniciativa preto de 700 estudantes de todas as titulacións.

Esta actividade está dirixida a estudantado de último curso de grao ou mestrado, con matrícula no presente curso académico, así como a persoas titulados en estudos de mestrado ou de grao en 22/23. O propósito desta iniciativa impulsada pola Área de Orientación Laboral da USC é que as mentoras e mentores -profesionais contrastados nos seus respectivos ámbitos laborais- compartan co alumnado coñecemento da súa área de traballo e información sobre alternativas profesionais. Tamén terá a oportunidade de clarificar dúbidas sobre a profesión elixida, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional, itinerarios formativos e facilitar coñecemento específicos e prácticas sobre a profesión.

O programa de Mentoring está organizado en dúas fases que se estenderán de novembro a xaneiro e de febreiro a xuño. Durante os primeiros meses realizarase a selección de participantes así como a elaboración do plan de acción inicial que posteriormente se desenvolverá coa persoa asignada como mentora. Tamén se celebrarán actividades formativas dirixidas á mellora da empregabilidade e achegarase asesoramento e propostas consensuadas ao estudantado que vaia participar na segunda fase para a elección de mentor/a. A segunda é a fase de mentorización propiamente e nela desenvolveranse as entrevistas entre cada participante e o/a seu/súa mentor/a. Entre ambos/as deberán programar un mínimo de catro xuntanzas nas datas e horarios elixidos á súa conveniencia.

A actual convocatoria do programa contará coa colaboración de preto dun cento de profesionais de diferentes, sectores, profesións e responsabilidades.

A información da convocatoria está dispoñible na web e o proceso de inscrición pode realizarse a través da secretaría virtual. As persoas interesadas que precisen máis información ou aclarar dúbida poden formulalas por correo electrónico a proxecto.mentoring [at] usc.es.

The contents of this page were updated on 10.19.2023.