Skip to main content

A primeira xornada interuniversitaria galega de innovación docente pon o foco nos contextos universitarios transformadores

Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
A organización por parte da USC corre a cargo do Centro de Formación de Persoal
Lugo, Santiago de Compostela

A primeira Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada polas tres universidades públicas galegas, conforma este xoves 19 un punto de encontro entre docentes de educación superior de toda a comunidade para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir interesantes proxectos de futuro. A organización da xornada, que se desenvolve baixo o lema ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, corre a cargo, por parte da USC, do Centro de Formación de Persoal. O foro ten lugar na Facultade de Economía e Empresa do Campus de Elviña (A Coruña).

“Estamos ante un momento moi propicio para que as tres universidades galegas nos unamos para organizar as primeiras xornadas interuniversitarias de innovación docente. A participación de docentes de todo o sistema universitario de Galicia contribuirá a enriquecer este evento e a tecer redes que, co paso do tempo, se farán cada vez máis grandes e resistentes”, sinalan dende a organización do evento.

A conferencia plenaria correu a cargo de Juan Freire baixo o título ‘Como deixar de xogar a innovar?’. A continuación, desenvólvense distintas mesas redondas sobre ‘Ecosistemas tecnolóxicos emerxentes en educación superior’ e ‘Tendencias pedagóxicas en educación superior’. Xa en quenda de tarde teñen lugar os obradoiros titulados ‘Inmersión ao Metaverso’, ‘Aplicacións da Intelixencia Artificial á docencia’ e ‘Realidade mixta na innovación docente’. A xornada conclúe coa entrega de premios aos tres pósters máis votados.

 

The contents of this page were updated on 10.19.2023.