Un curso abordará os obxectivos de desenvolvemento sustentable en materia de erradicación da pobreza e a fame no Horizonte 2030
Axudar a coñecer e comprender a Axenda 2030 (ODS)a partir dun enfoque interdisciplinar é a finalidade do curso ‘ Os obxectivos de desenvolvemento sustentable: a erradicación da pobreza e a fame no Horizonte 2030’. Celebrarase entre os días 13 e 15 de xuño na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais cunha carga lectiva de 25 horas. A matrícula pode formalizarse de xeito presencial ou a través da web ata o próximo 2 de xuño.
O programa de intervencións deseñados busca fomentar unha reflexión sobre as múltiples dimensións das desigualdades, da pobreza e da fame, así como profundar no coñecemento do papel da cooperación internacional para o desenvolvemento na diminución de desigualdades, da pobreza e da fame. Ademais, esta acción formativa pretende sensibilizar á sociedade civil sobre as consecuencias do actual sistema produtivo e de consumo e as súas posibles alternativas de solución.