A 'Revista Galega de Economía/Galician Journal of Economics' incorpórase a Web of Science
Tras recibir en xullo o selo de calidade da FECYT que a acredita como unha publicación “excelente”, a Revista Galega de Economía / Galician Journal of Economics (RGE/GJE) acaba de incorporarse á base de datos ESCI, un produto creado en 2016 e actualmente xestionado por Clarivate Analytics que, dentro de Web of Science, indexa revistas emerxentes, publicacións revisadas por pares de importancia rexional e en campos científicos emerxentes. A partir de xuño de 2021, todas as revistas indexadas en ESCI tamén se inclúen nos Journal Citation Reports (JCR)
Entre os criterios de inclusión en ESCI-WoS figuran a revisión por pares de todos os artigos (peer-review), a transparencia e boas prácticas éticas, o cumprimento de esixentes requisitos en materia de edición dixital e a edición en inglés de determinados contidos informativos. Segundo datos de Clarivate, ESCI posúe máis de 8.000 revistas con catro millóns de rexistros en 254 especialidades. Algo máis dun terzo destes rexistros son de acceso aberto como é o caso de todas as revistas da USC.
Coa incorporación da RGE/GJE son xa sete as revistas da USC incluídas en ESCI-WoS: Ágora. Papeles de Filosofía; ELOS; Estudos de Lingüística Galega; Obradorio de Historia Moderna; Quintana e Verba). Marisa Chas, directora da revista, e Juan Blanco Valdés, director de Edicións da USC, manifestaron a súa satisfacción por este novo recoñecemento que testemuña o valor do traballo en equipo coordinando as diferentes competencias (organizativas, científicas, técnicas, conceptuais e editoriais) detrás de cada unha das 22 revistas dixitais en acceso aberto que publica a USC, co sistema XMILJATS de preservación de metadatos e formatos de saída .pdf, .xml e html.