Skip to main content

Discurso de Pedro López Barja de Quiroga

Discurso de gabanza da doutoranda pronunciado polo seu padriño o Profesor Doutor D. Pedro López Barja de Quiroga, Catedrático de Historia Antiga
da Facultade de Xeografía e Historia

Momento do discurso de Pedro López Barja
Momento do discurso de Pedro López Barja

Magnifico Sr. Reitor da universidade de Santiago, vicerreitora da universidade de Vigo, vicerreitora da universidade de Coruña, decano da facultade de Historia, autoridades académicas, estimados colegas, queridos alumnos:

A profesora Mary Beard obtivo numerosos e destacados galardóns ao longo da súa carreira. Ao repasalos estes días para preparar esta breve laudatio deime conta de que non podería nin sequera enumerar cada un deles no breve tempo do que dispoño, así que decidín, por unha banda, cinguirme aos máis destacados e por outra, determe en ler os motivos que esgrimiran os distintos xurados para conceder cada premio. Nalgúns casos, non se fixeron públicos os motivos ou non me foi posible atopalos e noutros eran sumamente concisos. Hai algún moi específico: o seu doutoramento honorario en the other place (é dicir, Oxford) concedéuselle polos seus avances no terreo da relixión antiga e porque o seu libro sobre a risa na Antigüidade abrira un novo campo dentro dunha disciplina pouco dada ás novidades. Cun sentido máis amplo, a medalla da biblioteca Bodleyana foille outorgada en 2016 polas súas achegas no campo da comunicación e a literatura. Con todo, hai unha certa unanimidade. Así, foille concedido un doutoramento honorífico pola universidade de St. Andrews en 2013, “In recognition of her major contributions to the study of classical history and to the public understanding of classics”. Nun sentido similar, obtivo o premio Princesa de Asturias en Ciencias Sociais no ano 2016 pola súa “contribución ao estudo da cultura grecolatina”. De modo semellante, en 2018 foi designada Dame Commander na Order of the British Empire pola súa contribución aos estudos clásicos. En 2022, Times Higher Education concedeulle tamén unha distinción por rachar os muros da torre de marfil ensinándonos a todos o que as humanidades poden achegar á realidade presente. A pregunta obvia entón é cal, en concreto, foi esta contribución tan destacada que numerosos galardóns en moi diversos países viñeron a recoñecer. Ao meu xuízo, a principal foi rescatar á cultura clásica da grave acusación que pesaba sobre ela, a de ser un couto pechado de minorías, de elites, homes brancos de clase alta que escriben para os seus conxéneres. Mary Beard insistiu reiteradamente en que os antigos romanos eran coma nós, coma os nós da xente común, que son quen lle interesan a ela e con quen o gran público pode sentirse identificado. O mundo clásico non pertence a ninguén, asegura, nin sequera aos profesores de filoloxía clásica ou de historia antiga. Esta visión inclusiva, non elitista, da historia de Roma comprende de maneira especialísima ás mulleres e á diversidade de razas, pobos e linguas do imperio. Este último aspecto, é dicir, a súa defensa de Roma coma un imperio multicultural, áchase no centro do que é o seu libro máis coñecido: SPQR: Unha historia da Antiga Roma, unha obra traducida a numerosas linguas e que se converteu ao instante nun inesperado éxito de vendas. É unha historia de Roma que conclúe precisamente no ano 212 d.C., cando o emperador Caracala concedeu a cidadanía romana a todos os habitantes libres do imperio, un acontecemento cuxa enorme importancia foi a miúdo pasada por alto. Por outra banda, as súas conviccións feministas levárona a escribir, primeiro, a biografía de Jane Harrison, unha das primeiras mulleres en ocupar un posto de profesor nunha universidade británica (The Invention of Jane Harrison, 2000) e, recentemente, un breve libro no que sostén que as mulleres deben atopar unha forma propia, non masculina, de exerceren o poder (Mulleres e poder. Un manifesto). Desde os gregos, que é como dicir, desde case sempre, ás mulleres pedíuselles, ante todo, que calen, que non tomen parte no debate público, que garden as súas opinións para si mesmas ou, como moito, para o ámbito privado. Pero como ela mesma dixo, “nós[é dicir, as mulleres] non queremos ser o poder tras o trono, queremos ser o trono, ocupar o trono”.

Mary Beard publicou até agora dezaoito libros, a maior parte deles foron traducidos ao español e aos principais idiomas do mundo, incluído o chinés. Por desgraza, até onde eu sei unicamente un, pode lerse en galego grazas a edicións Hércules: Mulleres e poder, Un manifesto,. Con todo, a súa contribución aos estudos clásicos non se limita aos seus libros, nin moito menos aos seus artigos científicos, aínda que nun momento académico coma este non quero deixar de mencionar os que dedicou respectivamente ás virxes vestais e ao discurso relixioso no De divinatione de Cicerón . Algunha vez contou que o seu primeiro interese pola Antigüidade espertouno unha galleta de hai tres mil anos que un vixiante do Museo Británico sacou da vitrina para que a nena que era entón Mary puidese admirala de preto. Cabe pensar que o mesmo veu facendo moitas veces ao longo da súa vida, xa como catedrática en Cambridge, solicitando aos vixiantes dos museos de Europa, Asia e África que mostrasen os seus tesouros arqueolóxicos para que os espectadores do documental poidamos velos. Se cadra, niso consista a historia, en preguntarnos que fai ese anaco dun pasado remoto no noso presente inmediato e que información podemos extraer del. Logo viñeron as escavacións arqueolóxicas nas que tomou parte activa sendo aínda adolescente e unha visita a Pompeya aos 18 anos. De aí, desa capacidade para facer falar os obxectos, nace o éxito dos seus programas para a BBC, como Meet the Romans. Algunhas destas series de televisión poden verse en España: “O espido na arte”; “Roma: un imperio sen límites”; “Pompeya, a vida antes da morte”; ou “A historia de Calígula”, entre outras. Os seus libros non evocan a maxia do latín nin as obras dos poetas ou dos historiadores romanos, senón monumentos como o Partenón ou o Coliseo ou cidades como o que dedicou a Pompeya, que obtivo o premio Wolfson en 2009. O subtítulo deste último libro é elocuente: A vida dunha cidade romana. Para Beard, a vida de Pompeya non se detivo na erupción do ano 79 senón que continúa a través das escavacións arqueolóxicas, os numerosos espolios, os danos producidos polos bombardeos durante a Segunda Guerra Mundial e a difícil xestión dun patrimonio sometido a unha enorme presión turística. Desta maneira, Mary Beard logrou conectar a reflexión sobre o pasado coas preocupacións do presente. Dicía Carlos Alonso del Real, o lembrado profesor de prehistoria nesta universidade, que os historiadores que realmente comprenderon algo, desde Tucídides a Rostovtzeff foron, no sentido máis directo e militante da palabra, políticos. Mary Beard é unha clara demostración diso, coas súas intervencións moi contundentes no tema da inmigración ou coas súas críticas ao Brexit, que puxeron en risco a súa posición como patroa do Museo Británico porque as súas opinións, a súa vocación europeísta, non eran do agrado de Downing Street. Pero tamén, desde logo, co uso que fixo de twitter, respondendo a cada agresión verbal de modo directo e aberto A súa produción académica resulta verdadeiramente asombrosa. Impartiu os relatorios máis prestixiosos, como as Sather lectures, que logo se converteron nunha monografía sobre a risa na Antiga Roma. O seu libro sobre O triunfo mostra de modo claro algúns dos principios que inspiran ou deben inspirar o oficio de historiador, por usar o termo de Marc Bloch: un escepticismo san ante o que se nos presenta como unha verdade irrefutable, referendada polas autoridades máis eminentes que poidamos imaxinar. Ao mesmo tempo, é un libro onde o visual cobra unha enorme importancia, como sucede en toda a traxectoria de Mary Beard. A historia de Roma lese, pero tamén se pode e débese ver e mesmo tocar.

Non quero esquecerme do importante labor docente que desenvolveu Mary Beard nos seus 40 anos como profesora, todos eles en Cambridge (Newnham College) coa excepción de 5 anos en Londres (King’s College, 1979-1985). Foi a única muller ao principio nunha facultade de classics aínda absolutamente masculina en varios sentidos do termo, onde malia a suspicacia e menosprezo dalgúns colegas, converteuse en catedrática de Classics en 2004. Agora, xa xubilada, poderá dedicar toda a súa enorme enerxía e capacidade de traballo a seguir ampliando os horizontes dos estudos clásicos, pero do seu compromiso co ensino dá fe a creación de dúas bolsas (80.000 libras) para que poidan estudar en Cambridge mozos e mozas de grupos socioeconómicos ou étnicos pouco representados.

Preguntábame ao principio por cal fora a contribución de Mary Beard aos estudos clásicos. O seu decidido esforzo por abrir fronteiras é, sen dúbida, unha parte destacada. Cómpre engadir a súa capacidade notable para desafiar as ideas preconcibidas, polas en dúbida ou ás veces, polas en ridículo. En realidade, o que se dá por sentado, o xa sabido, ten a miúdo fráxiles cimentos. Ela ensínanos a pensar por nós mesmos, a ver os obxectos cos nosos propios ollos e interrogalos segundo as nosas curiosidades. Por dicilo coas palabras do noso Juan de Mairena, “La verdad es la verdad, dígala Agamenón o su porquero”. Non é a autoridade de quen fala o que debe ocuparnos senón a verdade do que di. E non hai mellor aprendizaxe que esta para os alumnos da nosa universidade que hoxe nos acompañan. As humanidades non son un luxo que nos podemos permitir cando as cousas nos van ben e podemos perder o tempo e entreternos un chisco, senón algo necesario, algo que temos que reivindicar de maneira moi especial hoxe, nesta festa da filoloxía e a historia, no centenario dos estudos de historia na facultade compostelá, como un dos alicerces da nosa identidade europea.

Moitas grazas.