A Cátedra de Hidroloxía Médica edita un libro arredor do proceso integral de atención a pacientes oncolóxicos
A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia acaba de editar o libo Oncología integrativa II. Integrando otras miradas en el proceso de atención a pacientes oncológicos, título que recolle os relatorios do curso de verán homónimo celebrado o pasado ano no Talaso Atlántico de Oia e que este ano repite celebración do 17 ao 20 de xullo co lema ‘ A persoa, e non só a enfermidade, como centro do proceso asistencia’ . Presentado na Facultade de Medicina, nos 22 capítulos recollidos analízase cuestións relativas á alimentación, exercicio físico, calidade de vida e benestar e outras cuestións de relevancia para pacientes oncolóxicos, como a volta ao traballo despois do cancro ou a vida sexual.
Baixo a denominación oncoloxía integrativa, como puxeron de manifesto no acto de presentación os coordinadores do libro Salvador Ramos e Lourdes Vázquez, atópase unha combinación da oncoloxía convencional cunha serie de protocolos de coidados admitidos como eficaces para proporcionar ao paciente unha atención e tratamento máis completo e que dea resposta a todas as súas necesidades, mellore a súa recuperación e a súa calidade de vida. Na presentación celebrada na Facultade de Medicina participaron os vicerreitores de Oferta Docente e Innovación Educativa e de Internacionalización, Roberto López e Almudena Hospido, respectivamente, así como o decano da Facultade Juan Gestal e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.