A novena edición de ‘CO(M)XÉNERO’ analiza a relación entre adolescencia e humor nas súas formas contemporáneas
A novena edición do Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA), analizará a relación entre adolescencia e humor nas súas formas contemporáneas, “entendendo estas prácticas como síntoma, por unha parte das reaccións violentas ao feminismo e, por outra, das propias reflexións sobre a liberación”, explican dende a organización do evento.
A actividade está aberta ao público en xeral, pero diríxese especialmente a profesionais e persoal investigador no eido das ciencias da comunicación, estudantes do Programa de Doutoramento en Comunicacion e Información Contemporáneas, e estudantes dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo. A inscrición é de balde e estará aberta ata o 10 de novembro a través deste formulario.
A xornada do martes 14 de novembro comezará co relatorio ‘O poder dun meme. Produción de humor feminista e antifeminista nas redes’. Marta Pérez Pereiro, profesora e investigadora do GEA, reflexionará sobre esta figura do humor 2.0 como forma opresiva ou como espazo de emancipación e creación feminista. A continuación, Laura Tabarés, artista visual e pertencente ao Espazo Leira e Ontoloxías feministas, ofrecerá un obradoiro de creación de memes na liña das súas investigacións en torno á dixitalidade como medio para acceder a outros planos da realidade, desvelar como operan as violencias e especular sobre outras posibilidades políticas.
María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat de Barcelona (Transgelit), abordará o mércores 15 de novembro en ‘Violencias e series adolescentes: evolución da representación e dos elementos argumentais’ as narrativas do público mozo e os seus arquetipos nas series de ficción, vencellando a perspectiva de xénero e a representación da sexualidade e das relacións amorosas coa educación mediática e as narrativas transmedia. Tamén desenvolverá o obradoiro ‘Rachar estereotipos: creación de narrativas adolescentes diversas’, coma complemento práctico ás reflexións relatorio previo.
Esta edición está financiada con fondos da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2019 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.