Skip to main content

Psicoloxía busca persoas voluntarias para afondar nos mecanismos que modulan a dor

Maite Carrillo é a coordinadora de Painless
Maite Carrillo é a coordinadora de Painless
O chamamento realizado polo grupo de investigación Cerebro e Dor diríxese tanto a persoas sas como enfermas de cancro co obxectivo de profundar na cronicidade e mellorar a calidade de vida dos e das doentes
Santiago de Compostela

O grupo de investigación Cerebro e Dor da USC busca persoas sas, de entre 40 e 65 anos, para coñecer mellor os mecanismos que modulan a dor e así mellorar a calidade de vida das persoas que sofren dor crónica. Grazas ás persoas voluntarias, o equipo investigador poderá comparar os mecanismos que modulan a dor entre persoas sas e aquelas outras que presenten cadros de cronicidade. As persoas interesadas participarán nunha avaliación presencial que se desenvolverá na Facultade de Psicoloxía. Pódese contactar co equipo investigador a través do enderezo electrónico cerebroydolor [at] gmail.com (cerebroydolor[at]gmail[dot]com) ou vía whatsapp no número 611 61 87 74.

Ademais, Cerebro e Dor tamén procura persoas enfermas de cancro no marco do proxecto Painless no que se está a testar unha intervención novidosa, baseada na estimulación eléctrica transcranial de baixa intensidade, apropiada para a súa aplicación no fogar co obxecto de tratar a dor asociada ao cancro. Este proxecto botou a andar en 2022 coa vontade de estudar alternativas que melloren a calidade de vida deste tipo de pacientes xa que o arredor do 20% amosa unha baixa resposta ao tratamento farmacolóxico.

Painless abrangue tres estudos. Por unha banda, unha investigación lonxitudinal que explora se os biomarcadores de modulación central da dor poden predicir a aparición de dor crónica no cancro. Así mesmo, acomete un estudo transversal para clasificar os pacientes oncolóxicos que experimenten ou non dor; para, en terceiro lugar, desenvolver un estudo piloto que comprobe a viabilidade e eficacia da intervención con neuromodulación domiciliaria en pacientes con dor oncolóxica.

Froito dun consorcio internacional integrado por preto dunha vintena de entidades e do que a USC é a institución coordinadora, o proxecto atópase financiado con case seis millóns de euros a través de ‘Horizonte Europa: Programa Marco de Investigación e Innovación’ da UE. Painless pretende empregar a neuromodulación —aplicación de correntes de baixa frecuencia de maneira non invasiva para aumentar ou diminuír a excitabilidade dun grupo de neuronas— como unha vía que supere o clásico tratamento farmacolóxico. Ademais, este proxecto coordinado pola profesora María Teresa Carrillo de la Peña pretende desenvolver un instrumento para predicir a aparición da dor en pacientes con cancro.

“Para mellorar a xestión da dor provocada por cancro é necesario comprender os seus mecanismos subxacentes”, explica a profesora Carrillo. A hipótese de partida do equipo investigador é que o estudo de biomarcadores diagnósticos, baseados en probas sensoriais cuantitativas e da actividade eléctrica cerebral, axudará a explicar a aparición e mantemento da dor e facer tipoloxías de pacientes segundo eses mecanismos. “Avaliamos como os pacientes perciben estímulos de dor de distintas intensidades, cando estes son presentados de forma illada ou repetida. Isto proporciona uns indicadores de como son os seus mecanismos de modulación da dor”, conclúe.

A estimulación transcranial é un método de neuromodulación non invasivo do cerebro, totalmente inocuo, que se realiza na propia casa dos pacientes, con control dende o hospital. Consiste en aplicar pequenas correntes eléctricas a través duns eléctrodos colocados sobre o coiro do cabelo que poden, a longo prazo, modificar as conexións neuronais e os mecanismos que manteñen a dor crónica.

The contents of this page were updated on 10.25.2023.