O ‘Sprint de Innovación’ dá pulo á transferencia de coñecemento en Ciencias Sociais
O 'Sprint de Innovación' é unha xornada de portas abertas promovida polo centro interuniversitario ECOBAS, especializado na sustentabilidade económica, social e ambiental, para impulsar o proceso de transferencia de coñecemento entre a investigación científica en Ciencias Sociais e as problemáticas reais do tecido produtivo da contorna. Na sesión que se desenvolveu este martes 31 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, déronse cita responsables de empresas pertencentes a sectores de marcada significación para a economía galega que compartiron as claves dos desafíos e retos reais que afrontan pensando no futuro das súas respectivas compañías, así como das comunidades locais nas que operan.
Partindo destas premisas, persoal investigador e de doutoramento de ECOBAS buscou solucións concretas de forma aliñada co triplo eixe da sustentabilidade: económica, ambiental e social. Dúas mesas redondas sobre retos reais para a sustentabilidade das empresas galegas e sobre os instrumentos do ecosistema galego de innovación para a transferencia entre a Universidade e a empresa tamén nutriron o programa. O delegado do reitor para a Transferencia de Coñecemento, Luis Otero, foi o encargado de abrir a xornada xunto ao director de ECOBAS, Xavier Labandeira, e a profesora da USC, Isabel Neira.
No transcurso do Sprint tamén se puxo o foco nas políticas de transición enerxética e descarbonización, as medidas de loita contra o cambio climático, a xestión sostible de recursos e a xestión de residuos; as políticas de equidade, igualdade, inclusión social e benestar; ou nos aspectos éticos ligados á gobernanza empresarial.
ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario que aspira a ser referente internacional no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social. Integrado por preto dun cento de académicos e académicas das tres universidades galegas, ECOBAS traballa para dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade mediante a investigación de excelencia, a docencia, a divulgación e a transferencia de coñecemento.