Skip to main content

A compañía USC-Lugo estrea este venres a obra ‘Paz Perpetua’ no ‘Gustavo Freire’ no XXIII Festival de Teatro Universitario

Ensaio de 'Paz Perpetua'
Ensaio de 'Paz Perpetua'
A formación dirixida por Paloma Lugilde fai este xoves, a partir das 21.00 horas, un ensaio aberto ao público e o venres ofrece tres funcións en quenda de mañá e tarde

A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, estrea este venres 24 de marzo a peza ‘Paz Perpetua’, de Juan Moyarga, no XXIII Festival de Teatro Universitario, un certame que reúne na capital luguesa desde o pasado martes e ata o 27 de marzo sete compañías universitarias ou independentes xurdidas de ámbitos estudantís.

A compañía de teatro USC-Lugo abrirá xa este xoves 23 a súa participación no festival cun ensaio aberto ao público, a partir das 21.00 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire. O mesmo escenario acubillará o venres, a partir das 12.00 horas, cun pase matinal aberto a estudantes de centros de secundaria que o soliciten. Xa en quenda de tarde, haberá dou pases máis, que comezarán ás 18.00 e ás 21.00 horas, respectivamente.

Ao tratarse dun espectáculo cun aforo limitado a un máximo de 106 persoas, o público interesado pode recoller as entradas con antelación nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, sitas na Praza Pío XII. De quedar entradas, os pases dispoñibles tamén se poderán retirar na taquilla do ‘Gustavo Freire’ unha hora antes de cada función. Antes da última sesión, o lugués Lucas Chao, acompañado de Néstor Rubio, estudantes da Real Escola de Arte Dramática de Madrid (Resad), presentará ás 19.00 horas no vestíbulo do 'Gustavo Freire' o microproxecto 'Apnea'.

O foco teatral mudará o sábado 25 de marzo do auditorio Gustavo Freire ao Hotel Torre de Núñez, onde a compañía de teatro El Mayal, da Universidade de León, representará, ás 20.00 e 22.00 horas, 'Hotel las Vegas', unha obra dirixida por Javier de la Varga. Un encontro aberto ao público co actor Ernesto Arias no auditorio da Casa do Saber capitalizará a programación do festival de teatro universitario do 26 de marzo.

De xeito parello ás últimas representación incluídas na presente edición do Festival de Teatro Universitario, o acto Ernesto Arias impartirá do 25 ao 28 de marzo o curso ‘O verbal e o sensorial na actuación’. As sesións formativas incluídas neste curso, para o que aínda quedan tres prazas libres, desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza do Campus Terra da USC, emprazadas na Facultade de Veterinaria. As persoas interesadas aínda poden inscribirse ata as 14.00 horas do venres 24 nas dependencias de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 511.

O XXIII Festival de Teatro Universitario de Lugo botará o pano o día 27 no auditorio Gustavo Freire, onde Xoán Laxe presentará, a partir das 20.45 horas, o estudo do taller de interpretación desenvolvido no campus de Lugo. Ao seu remate, a compañía de teatro USC-Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro, levará a escena a obra 'Cousas que trouxo a chuvia'.

The contents of this page were updated on 03.23.2017.