Skip to main content

A USC incrementa a 1.400 os bonos comedor que se emitirán en concepto de axudas de manutención

Os bonos poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións da cafetaría ou comedor universitario. FOTO: Santi Alvite
Os bonos poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións da cafetaría ou comedor universitario. FOTO: Santi Alvite
O alumnado beneficiario ten de prazo ata o vindeiro venres 10 de novembro para recollelos
Lugo, Santiago de Compostela

As persoas beneficiarias das axudas de manutención convocadas pola USC teñen de prazo ata o 10 de novembro para recoller os seus respectivos bonos de comedor. Así o establece a resolución de adxudicación que acaba de publicarse e que incrementa a 1.400 os bonos emitidos, fronte aos 1.040 que inicialmente estaban contemplados na convocatoria. Deste xeito, a institución compostelá fai un esforzo por atender todas as solicitudes que acadaron entre 70 e 40 puntos, incrementando a dotación orzamentaria ata preto de 700.000 euros. En total, cada bono está dotado de 80 consumos que poden trocarse ata o 19 de xullo de 2024.

A USC atende, deste modo, as necesidades de manutención do estudantado cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios. Nesta cuarta edición das axudas xurdidas pola crise económica derivada da pandemia, a Universidade flexibilizou o uso dos bonos que poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións da cafetaría ou comedor universitario, na franxa horaria do mediodía, coa posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2023/24.

Para poder participar nesta convocatoria era preciso estar matriculado/a no curso 2023/24 en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC; non estar en posesión ou en condición de posuír un título do mesmo ou superior nivel ao dos estudos nos que se matricula para solicitar a axuda;  e formalizar matrícula de, polo menos, 30 créditos, ou no caso de estudos de grao, formalizala dos créditos restantes para rematar os estudos.

Para a valoración dos requisitos económicos, tívose en conta a Renda Persoal Dispoñible (RPD) da persoa solicitante, que non pode superar os 9.000 euros. Para o cálculo da RPD tivéronse en conta as rendas familiares (RF) do exercicio 2022 que se calcularon por agregación das rendas de cada un dos membros computables da unidade familiar. Tivéronse en conta tamén para o acceso ás axudas a existencia demostrada de situacións laborais e económicas, sobrevidas durante o ano 2023, que impliquen un grave deterioro ou afectación da economía da unidade familiar aínda que non se deduciran dos datos fiscais do exercicio 2022. Estas axudas son incompatibles coa percepción de calquera outro tipo de axuda ou subvención de carácter público ou privado para a mesma finalidade.

Na valoración das propostas puideron acadarse ata 70 puntos que corresponden á Renda Persoal Dispoñible (RPD) en función da renda familiar e do número de membros computables, mentres que os 30 puntos restantes se reservan para a valoración de posibles situacións laborais e económicas sobrevidas con grave deterioro da economía familiar que non se deduzan dos datos fiscais do ano 2022.

The contents of this page were updated on 11.07.2023.