A USC, co deporte feminino
A USC continúa a intensificar a súa relación coas distintas entidades deportivas galegas en nomeadamente co deporte feminino, co dobre obxectivo de tecer novas redes e fortalecer as xa existentes coa súa contorna, ademais de para fomentar hábitos de vida saudables entre o estudantado e demais membros dos campus de Lugo e de Santiago.
A última das iniciativas neste ámbito tradúcese nunha nova colaboración co Ensino Lugo CB, único representante da provincia de Lugo na Liga Feminina de Baloncesto, que facilita aos membros da comunidade universitaria asistir de balde ao partido que disputará o vindeiro xoves 16 de novembro, a partir das 20.15 horas, no Pazo dos Deportes, fronte ao SPAR Girona, actual cuarto clasificado da competición, coa presentación da Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI). O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o delegado da USC para o deporte, Javier Rico, visitaron este xoves ás xogadoras a responsables do equipo lugués co gallo desta nova colaboración.
Esta nova acción, a través da que a USC busca proxectar da man do Durán Maquinaria Ensino o deporte feminino entre a comunidade universitaria, súmase á xa intensa colaboración que a mantén a institución académica coa entidade deportiva. De feito, na actualidade son varias as estudantes da USC integradas en equipos do CB Ensino que militan en diversas categorías. Así, Sara Corredoira, que está a facer as prácticas de Medicina no HULA, xoga no equipo de Primeira Nacional. A representación de estudantes da USC que compite en Segunda Autonómica e máis numerosa, como o proba a presenza de sete xogadoras matriculadas en diferentes títulos de grao impartidos no Campus de Lugo (Nicole Labrada, Ainhoa Pérez, Lucía López, Sara Méndez, Uxía Gago, Leyre Martínez ou Elena Saldaña), ademais do seu adestrador, José Manuel Suárez Vilches, estudante do grao en Nutrición Humana e Dietética.
“Desde a USC queremos optimizar esta fonda ligazón co mundo do deporte, a fin de poder favorecer os hábitos de vida saudables entre os universitarios e tamén para ampliar a oferta de alternativas de prácticas deportivas a toda a comunidade universitaria”, di Javier Rico, que se fixa como reto que a USC poida ofrecer a calquera estudante a posibilidade de continuar coa actividade deportiva que practicaba antes de converterse en universitario e achegar a posibilidade de iniciarse nela a quen non o facía antes.
As posibles liñas de colaboración abordadas entre a USC e as distintas entidades deportivas son múltiples. De feito, algunhas das posibles liñas de colaboración abertas entre a USC e as entidades deportivas abranguen medidas para compatibilizar a vida académica e deportiva, accións de voluntariado, captación de estudantes erasmus, realización de prácticas, cesión de espazos e instalacións, dispensas de asistencia a clase, apoio psicolóxico, titorías de estudos, promoción das actividades das entidades deportivas nos campus universitarios, participación da USC en actos institucionais, captación e formación de árbitros, organización de relatorios e sesións formativas, ou prazas de aloxamento no Servizo Universitario de Residencias, entre outras.