As xornadas CRUE-Xerencias debullan a xestión universitaria e afondan nos retos orzamentarios
A profesionalización da xestión universitaria, a xestión da investigación e os retos orzamentarios centraron esta semana en Compostela as trixésimo oitavas xornadas CRUE-Xerencias que se desenvolveron na Facultade de Medicina e Odontoloxía. O xerente da USC, Xavier Ferreira; o presidente de CRUE-Xerencias, Julio Abalde; e a secretaria executiva de CRUE-Xerencias, Matilde Yebra, clausuraron este venres 10 o foro que constitúe a cita anual da comisión sectorial de xerencias da CRUE e que reúne os equipos de xerencia e cargos directivos das universidades españolas para debater aspectos comúns na xestión das institucións de educación superior. A conferencia de clausura correu a cargo do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, quen afondou no sistema de financiamento universitario de Galicia.
A edición deste ano tivo como fío condutor as recentes mudanzas lexislativas no eido universitario. Deste xeito, tratouse a nova Lei Orgánica do Sistema Universitario que trae consigo a necesidade de adaptar as estruturas universitarias ás súas previsións, profundando nunha xestión profesionalizada e en novos modelos organizativos. Doutra banda, a modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, xunto coa última reforma laboral, supoñen unha oportunidade para que as universidades desenvolvan unha das súas principais funcións, a investigación e a transferencia do coñecemento. Ao anterior, engádese a xestión de fondos Next Generation, un desafío máis para os modelos organizativos que tamén foi obxecto de análise no marco deste foro.
Por último, tratáronse os retos orzamentarios, “cuestión de fondo pero esencial para desenvolver nas mellores condicións a educación superior universitaria mediante a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento, funcións do sistema universitario que a LOSU desenvolve con nova intensidade”, apuntan dende a organización das xornadas.
As sesións nutríronse de diversas mesas redondas arredor dos tres eixos que conformaron o programa científico, alén de diversos relatorios. Así, o profesor Antón Losada abordou na sesión de apertura ‘A Universidade Pública baixo asedio: manual de resistencia’; mentres que Concha Horgué, secretaria executiva de Crue–Secretarías Xerais, profundou durante a derradeira das xornadas, nos novos estatutos da Universidade.