Skip to main content

A taxa de actividade emprendedora en Galicia acada o segundo mellor resultado en trece anos

Loreto Fernández (esquerda) e Isabel Neira (dereita), responsables do estudo. FOTO: Santi Alvite
Loreto Fernández (esquerda) e Isabel Neira (dereita), responsables do estudo. FOTO: Santi Alvite
O Informe GEM Galicia 2022-2023 coordinado dende a USC sitúa a taxa de emprendemento no 5,4%, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto dende 2010
Santiago de Compostela

A porcentaxe de poboación con vontade de emprender en Galicia durante os vindeiros tres anos sitúase no 8,5%, cifra que evidencia a “restauración da confianza” no fenómeno emprendedor e “permite prever un maior crecemento” deste tipo de actividade nos próximos anos. Ademais, a  Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega elevouse ata o 5,4%, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto dende 2010 e moi próximo ao acadado nos últimos dez anos (5,6% en 2018). 

Estas son algunhas das principais conclusións que achega o Informe GEM Galicia 2022-2023. O documento elaborado por un equipo pertencente ás tres universidades galegas e coordinado dende a USC reúne anualmente datos de 2.000 individuos (poboación adulta de 18 a 65 anos) e dun panel de persoas expertas dos distintos ámbitos do ecosistema emprendedor galego. Con esta información e cunha metodoloxía propia do proxecto internacional Global Entrepreneurship Monitor, o equipo analiza a evolución anual da actividade emprendedora, o perfil da persoa emprendedora, as características das iniciativas emprendedoras e as condicións da contorna para emprender en Galicia.

O reitor da USC Antonio López, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites inauguraron a xornada de presentación do Informe no que as profesoras da USC Loreto Fernández e Isabel Neira deron conta das principais conclusións do estudo. 

Emprendemento feminino

No referido ás mulleres, o informe, que elabora a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa CEG e a Xunta, amosa que o emprendemento feminino segue a crecer, cunha taxa de actividade emprendedora feminina que se sitúa no 6,7%, por encima da media deste indicador e case un punto e medio máis que en 2021 (5,3% en 2021). As iniciativas lideradas por mulleres mostran unha propensión a innovar, tanto en produto ou servizo (31%) como en tecnoloxía ou proceso (30%), e fano en maior medida que as promovidas por homes (18% e 26%, respectivamente). 

No relativo á idade, a poboación emprendedora galega é máis nova que noutras ocasións, xa que a metade atópase entre 35 e 44 anos. É dicir, a porcentaxe de persoas deste grupo de idade que están a emprender achégase ao 11%, taxa máis alta de toda a serie analizada en todos os tramos de idade. Ademais de máis novos, son, do mesmo xeito que a xeración á que pertencen, máis formados: o 51% das emprendedoras e o 41% dos emprendedores teñen estudos universitarios. Destaca tamén a profesionalización, no sentido de que o 16% no caso feminino e o 18% no masculino cursaron un ciclo de formación profesional. A formación específica para emprender e a educación financeira son tamén características clave no proceso emprendedor. Así, tres de cada catro persoas emprendedoras afirman ter coñecementos medios ou altos sobre emprendemento en xeral e sobre finanzas de modo particular. O documento destaca tamén que, entre as persoas emprendedoras, un 8% teñen algún grao de discapacidade e un 14% son inmigrantes.

O informe GEM, ademais, como novidade este ano, inclúe unha monografía, no capítulo 6, sobre o papel da economía social en Galicia, que representa o 7% do PIB autonómico e implica a máis de 100.000 persoas na comunidade.  Neste senso, o estudo GEM salienta que o modelo da economía social é cada vez máis valorado, sobre todo para as persoas con formación universitaria, e sinala a existencia dun maior interese por algunha das fórmulas de economía social nas empresas de recente creación.
 

The contents of this page were updated on 11.13.2023.