Skip to main content

205. Expertos presentados en paneis

Un idioma preciso

Por causa da guerra en Ucraína, nestes últimos días pasou bastante desapercibido o Sexto Relatorio de Avaliación que o IPCC (Intergovernmental Panel on Climate Change) presentou a finais do pasado febreiro. Non me toca a min fixarme na parte científica, que xa Gciencia contou con detalle, pero si quería falar dun aspecto lingüístico colateral.

Ese organismo ten como nome oficial en francés Groupe d’experts intergouvernemental sur l’évolution du climat, e en castelán Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático; pero con moita frecuencia atopámolo citado cun nome diferente: Panel Intergubernamental. Para saber de onde sae esta segunda denominación oficiosa, só temos que volver ao comezo do texto e mirar para o nome en inglés.

Nesta lingua, e desde finais do século XVI, un panel é, entre outras cousas, "a small group of people brought together to investigate or decide on a particular matter"; por iso, ten todo o sentido que empreguen esa palabra para referirse a estruturas organizadas como o IPCC. Pero nas linguas románicas, un panel (panneau en francés, painel en portugués) era, ata datas moi recentes, un taboleiro que serve de barreira física entre dous espazos, ou de soporte para información ou instrumentos. Xa que logo, o panel inglés era un falso amigo que competía con palabras propias como grupo, comité, comisión e outras semellantes.

Pero o peso do inglés é moito peso, e nestes últimos anos, importantes dicionarios de castelán, de portugués ou francés acabaron aceptando ese préstamo moderno, de modo que panel, painel e panel, respectivamente ten xa o significado de 'grupo de persoas que estudan ou deciden sobre un tema'.

E os dicionarios galegos? Pois neste momento non recollen aínda ese valor cando describen panel; pero se temos en conta que o préstamo do inglés xa se incorporou a todas as linguas do noso arredor, e que non lle crea problemas de escrita nin de pronuncia a un falante galego, será cuestión de tempo que o vexamos neles.

Polo de agora, sería preferible usar grupo, comité, comisión... ou palabras semellantes para nomear "grupo de persoas seleccionado para tratar un asunto en público ou emitir informes periódicos sobre el". Pero en pouco tempo ha ser panel a palabra que represente ese significado.
The contents of this page were updated on 09.09.2024.