203. Ciclóns no Mediterráneo: os medicanes
Se cadra para homenaxear a Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, que estes días se está a celebrar en Glasgow, parece que nos vindeiros días o Mediterráneo pode agasallarnos cun ciclón.
A cousa parece ser que o quecemento global está provocando que este mar adquira características cada vez máis semellantes ás dun mar tropical. E polo tanto, os fenómenos meteorolóxicos que ese mar estimula, serán tamén máis parecidos aos das zonas tropicais. Por iso, de cando en vez, veremos polo Mediterráneo central e oriental tormentas semellantes a ciclóns: menos intensas pero de aparición e desaparición máis rápida... pero coa mesma física e morfoloxía ca aqueles. E por se alguén o está pensando... non, non estamos falando dunha DINA.
Pero aquí estamos ao noso, así que... se imos ter que falar deles con relativa frecuencia (oxalá sexa pouca) fainos falta un nome. En inglés emprégase fundamentalmente Mediterranean tropical-like cyclone para a comunicación científica, e medicane (acrónimo de Mediterranean e hurricane) para divulgación e para contextos non especializados.
E... quen contaba! Agora temos medicanes nos medios en castelán, en portugués, en catalán...
Ao non ser un fenómeno propio das nosas costas, en galego non temos un nome específico para ese fenómeno, así que o máis eficiente é adoptar (e adaptar) os que empregan nas linguas veciñas. Por iso, tendo en conta o que vimos de contar, a nosa recomendación sería empregar ciclón tropical mediterráneo en textos técnicos e especializados, e medicán (construíndo o acrónimo sobre "mediterráneo" e "furacán", no canto de copiar literalmente a forma inglesa), para usos populares ou de divulgación científica. |