Skip to main content

198. Máis nomes ca orellas: o caso do crotal

Un idioma preciso

Sempre nos gabamos de que en galego temos non sei cantas ducias de palabras para referirnos á chuvia, aos estraloques ou ás donicelas. Pero o noso amor pola diversidade (ou a dificultade para poñernos de acordo) lévanos a reproducir este principio para bautizar obxectos moito máis modernos, coma o que vedes nesta imaxe.

Trátase dunha 'placa que se prende na orella do gando vacún, porcino, ovino ou caprino, na que se indica por medio de claves unha serie de datos (lugar de procedencia, explotación en que o animal naceu, código individualizado...) que permiten indentificalo e favorecen a súa rastrexabilidade e a dos produtos del derivados'. O Anexo III deste Boletín Oficial do Estado descríbeo con detalle.

Pois segundo a fonte que consultemos, a ese obxecto chámaselle en galego:

Parece excesivo que haxa máis nomes para o obxecto ca orellas teñen os animais para colgalo, así que imos ver de podar esta matogueira, dando argumentos para non empregar algúns e para conservar os restantes:

  • marca auricular debe desbotarse por impreciso: os dispositivos inseridos nas orellas son só un dos tipo de marca auricular. Hoxe son os máis frecuentes, pero ata non hai moitos anos convivían con outros como a tatuaxe ou as fanaduras.
  • crotal ten toda a pinta de ser unha copia do español (en inglés usan ear tag, en francés etiquette d'oreille e en portugués brinco).
  • crótalo intenta evitar o calco directo do español recuperando a palabra en que este se basea, como tamén fai o catalán, pero non acadou presenza ningunha na documentación técnica.
As tres formas restantes (brinco, pendente e chapa) aproveitan a semellanza dese obxecto cos adornos que os seres humanos colgamos das orellas e calquera delas é acaída para designar o dispositivo de identificación animal de que estamos a falar. Pero o feito de que brinco sexa a elixida nos textos legais que o describen e regulamentan outórgalle —na nosa opinión— un lugar de privilexio.
The contents of this page were updated on 09.09.2024.