A EPS de Enxeñaría reivindica o seu “cometido esencial” a prol dun medio rural vivo, sustentable e con futuro
A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC reivindica o “cometido esencial” que desenvolven os profesionais técnicos formados a través das enxeñarías agroforestais e civil para avanzar na transformación do medio rural cara a unha “contorna viva, sustentable e con futuro”.
Rosa Romero realizou estas declaracións na sesión de apertura da xornada de clausura do foro de intercambio de experiencias e coñecementos do programa LEADER, no que participan desde o luns persoal técnico e responsables de grupos de desenvolvemento rural de Galicia e Asturias.
A análise e o debate dos avances e posibilidades de desenvolvemento que ofrece o programa LEADER para o período 2023-2027 centra o obxectivo desta xuntanza, segundo indicou a directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, Inés Santé, quen adiantou que este novo quinquenio de aplicación dos fondos da Política Agraria Común (PAC) inclúe a incorporación do enfoque LEADER como unha intervención dentro do programa de cooperación.
Este novo escenario supón tamén unha adaptación do LEADER, un programa que deberá asumir unha serie de retos en materia de formalización de novos acordos de colaboración entre os grupos de desenvolvemento rural, que son os protagonistas no programa, e os organismos responsables de cada comunidade autónoma.
A definición deste novo modelo de participación dos grupos de desenvolvemento rural, a fin de que se convertan en elementos chave de crecemento das áreas rurais nas que traballan constitúe outra das prioridades destas xornadas de traballo, nas que, entre outras autoridades, tamén participan a directora xeral de Agricultura, Agroindustria e Desenvolvemento Rural do Principado de Asturias, Begoña López; o director xeral de Reto Demográfico de Asturias, Marcos Niño; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o alcalde de Boimorto e presidente da Asociación de GDRs de Galicia, José Antonio Santiso Miramontes, e o rexedor de Friol e presidente do GDR Comarca de Lugo, José Ángel Santos.
Unha vez rematadas a sesión de presentacións e o debate sobre cuestións técnicas e xurídicas ligadas ao programa LEADER, o público participante nesta xuntanza de traballo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o proxecto Ecocomedores durante a visita realizada en quenda de tarde ao Ceip de Riotorto.