Skip to main content

Matemáticas, Bioloxía, Física, Ciencias e Química conmemoran a festividade de Santo Alberte Magno

O estudante Francisco Morales Vidal interveu en representación do alumnado. FOTO: Santi Alvite
O estudante Francisco Morales Vidal interveu en representación do alumnado. FOTO: Santi Alvite
No marco da sesión presidida polo reitor Antonio López impúxoselle a Insignia de Ouro da USC ao profesor da área de Álxebra, Felipe Gago

O acto institucional de Santo Alberte Magno serviu este martes 14 para conmemorar a festividade das facultades de Matemáticas, Física, Bioloxía, Ciencias e Química. No marco da sesión presidida polo reitor Antonio López impúxoselle a Insignia de Ouro da USC ao profesor da área de Álxebra, Felipe Gago, pola súa traxectoria docente e investigadora, polo seu labor de liderado na Olimpíada Matemática Galega, así como pola súa implicación na Olimpíada Matemática Española. 

O profesor Gago amosouse orgulloso dos logros obtidos na competición matemática. “Formamos unha verdadeira familia e, como tal, sentímonos orgullosos dos éxitos individuais dos seus membros, como as nove medallas de ouro, trece de prata e dezaoito bronces conseguidos nas fases estatais, así como das medallas e mencións de honra conseguidas nas competicións internacionais nas once ocasións nas que tivemos un posto, e mesmo dous, nestes 25 anos”, dixo. “O mesmo ou máis orgullo sentimos polo número de participantes na Fase Galega dende que estamos á fronte: un total de 2.734”, relatou. 

A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, tivo tamén verbas de homenaxe para o profesor Gago, de quen dixo, demostra sempre “xenerosidade e coñecemento”. A súa pegada nas olimpíadas, pero tamén no programa de estímulo do talento matemático entre a mocidade preuniversitaria Estalmat-Galicia, e no seu “discreto e resolutivo día a día da Facultade e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) recibe hoxe, aplaudido por toda a comunidade educativa, un xusto recoñecemento”.

O acto que se desenvolveu na Aula Magna da Facultade de Matemáticas contou tamén coa participación dos decanos e decanas de Ciencias, Bioloxía, Química e Física, Asteria M. Luzardo Álvarez, Jesús A. López Romalde, Jesús Sanmartín Matalobos e Elena López Lago. Na sesión tamén participou a secretaria xeral Dulce María García Mella, quen deu lectura á acta de concesión da Insignia. O relatorio 'Matemáticas para o avance científico do século XXI', impartido polas profesoras Rosa Crujeiras Casais, Pilar Salgado Rodríguez e Elena Vázquez Abal, completou a orde do día xunto coa intervención de Francisco Morales Vidal que interveu en nome do estudantado.  

‘A ciencia en imaxe’

O acto contou ademais cun apartado específico para o certame ‘A ciencia en imaxe’, concurso que alcanza a súa décima edición e que se organiza conxuntamente coa Real Academia Galega de Ciencias. A secretaria do xurado, Otilia Reyes Ferreira, vicedecana da Facultade de Bioloxía, deu lectura da acta da reunión, revelando os nomes das persoas gañadoras. 

Así, o primeiro premio recoñeceu a fotografía titulada ‘Convexidade lumínica’ de Laura Rey Calvo, estudante do Grao en Medicina; mentres que o segundo distinguiu a fotografía titulada ‘Tigre: xantar para leopardos’ de M. Pilar Vázquez Tato, docente da Facultade de Ciencias. 
 

The contents of this page were updated on 11.14.2023.