Skip to main content

193. Contradictio in terminis: cando o inglés é a mellor opción

Un idioma preciso

Hai cousa dun mes que publicamos nesta bitácora un apuntamento en que aconsellabamos non usar palabras inglesas para nomear conceptos que se poden describir perfectamente cunha forma galega. Viña a conto dos distintivos, pero o argumento vale para a tecnoloxía poñible, para a nube, e para outros moitos exemplos.

Pero... que facer cando esa palabra galega non existe?

Nese caso, que adoita darse cando o inglés —ou a lingua que sexa— crea unha expresión nova (skyscrapper, webinar, podcast...), moitas veces podemos imitar (calcar é a palabra técnica) o procedemento do inglés para construírmos unha forma galega. Grazas a ese calco falamos de rañaceos ou de webinarios.

Pero outras veces ese método non funciona, normalmente porque a palabra creada en inglés ten particularidades moi difíciles de reproducir noutra lingua. Poden ser metáforas (como en microchip, que se basea na identificación da peza electrónica cunha pequena estela), ou outros procedementos (como en copyleft, formado a partir copyright xogando coa polisemia do segundo elemento da palabra). Cando isto ocorre, o único factible é aceptar a palabra estranxeira e incorporala directamente ao léxico propio: como diciamos no título, "o inglés é a mellor opción".

Outro caso en que iso ocorre é podcast, o termo en que nos queremos fixar hoxe. É unha palabra creada en inglés como resultado dun elaborado proceso de montaxe: colleuse por un lado unha marca rexistrada (iPod) e polo outro un substantivo composto (broadcast); eliminouse o comezo desas dúas palabras e empalmouse o resto para crear un novo termo composto.

Parece case imposible reproducir un procedemento así noutra lingua e obter un resultado funcional. Por iso, o castelán, o catalán, o portugués ou o italiano aceptan o anglicismo sen modificación ningunha: só en francés se intenta crear e difundir unha expresión propia (balado) cun éxito moi relativo.

E en galego? Pois aquí tamén houbo quen creou e intentou difundir unha expresión propia (falangullo), inspirada moi libremente no procedemento seguido en inglés, e combinando as palabras falar e bagullo. Pero hoxe en día é tamén a forma inglesa a que se recolle en dicionarios, e medios de comunicación.

 

Xa que logo, é mellor asumir que hai ocasións en que o inglés é a mellor opción, e empregar podcasting para referirse ao sistema que permite gravar, editar e publicar periodicamente a través de internet ficheiros multimedia, e podcast para os ficheiros publicados a través dese sistema (aínda que hai que recoñecer que falangullo tamén tiña o seu aquel, a que si?).
The contents of this page were updated on 09.09.2024.